Aberta a inscrición do plan formativo para profesionais dentro da campaña EN LUGO, SI

A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición no programa formativo para negocios e profesionais do comercio, a hostalería e o turismo que organiza a institución dentro da campaña EN LUGO, SI, dirixida a favorecer a reactivación destes sectores dunha maneira estable e eficaz ante a crise da COVID-19.
Esta acción, a primeira da campaña EN LUGO, SI, realizarase en liña a través de Internet a partir do día 15 de xuño, e está pensada para apoiar ás empresas e traballadores na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o
benestar do cliente.
As inscricións deben formalizarse ata as 23:59 horas do día 14 de xuño nesta páxina web: https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/. As prazas daranse en rigoroso orde de inscrición, polo que se aconsella cumprimentar a documentación nos primeiros días para non quedar sen praza.
O plan formativo, de 20 horas de duración, conta con 300 prazas e está dirixido aos negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa.
A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros. As persoas que se inscriban deben cumprimentar unha ficha cos seus datos persoais e con datos que acrediten que pertencen á empresa na que traballan.

A campaña EN LUGO, SI, ten como obxectivo reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus. A campaña incluirá accións dirixidas, por un lado, aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, por outro, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com