Aberto o prazo para solicitar axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre hoxe o prazo para solicitar as axudas destinadas á mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que poden tramitarse ata o día 11 de febreiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que este programa achegou o pasado ano 930.000 euros para a execución de obras nos polígonos industriais de trece concellos lucenses.

A Xunta financia a través desta actuación ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos presentados polos concellos para mellorar sistemas de depuración de augas, de seguridade e vixilancia, e de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén se apoian proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos finánciase tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra.

A axuda máxima é de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos. No caso de Lugo, a totalidade dos concellos beneficiados na pasada convocatoria recibiron o importe ou a porcentaxe máxima establecida.

En concreto, no 2018 concedéronse achegas para mellorar a depuración de auga e a xestión de residuos dos polígonos de Cervo, A Pastoriza, Reboredo (Monforte de Lemos), Muimenta (Cospeito) e Friol; este último tamén destinou parte da achega a arranxar infraestruturas viarias.

Próxima publicación

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos próximos días as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas aos concellos para a mellora e creación de viveiros industriais. O prazo de solicitudes para optar a estas axudas abrirase o próximo 16 de xaneiro e rematará o 15 de febreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com