Academia do Audiovisual

Cando escoito a palabra Academia e póñome firme recoñecendo autoridade, porque me formei na meritoria Academia de Vilalba onde moitos rapaces aprendemos a andar polo mundo.
En Galicia existe desde hai vinte e catro anos a Academia do Audiovisual que hai poucos meses veu a Lugo entregar os Mestre Mateo, e centrou na cidade a mirada da Galicia que gusta do cine.
Ao chegar a unha cidade, parece lóxico pescudar a vida que o cine leva e levou nela, polo que seguindo pola TV a festa do cine os maiores notamos en falla un laio polos cines de hai medio século: Central Cinema, España, Gran Teatro, Kursal, Paz e Victoria. Foron nosos, e fomos deles.
Quizais faltou tamén mencionar algunha das películas rodadas en Lugo: 85 segundo Manuel Curiel ata 2013.
Quizais fose moito pedir que se mencionara a Semana de Cine de Lugo que ten o dobre de anos ca a Academia, e é referencia para moitos cinéfilos lucenses.
Se preguntasen, quizais alguén lles informara que en Lugo hai un Paseo do Cine con placas que honran a varios dos que estaban na festa e a outros xa históricos: Mourelos, Tosar (pendente de vir ver a súa placa), María Vázquez, Melania Cruz, Irmáns Coira, Luis Iglesia, Margarita Ledo, Prudencia Grifell, Frank Braña ou Carmen Correa.
E se acudiran a algunha fonte bibliográfica poderían acreditar que no que vai de século, co gallo da Semana de Cine se publicaron 29 títulos sobre xente do cine, sobre o cine e a súa nai, a fotografía.
En fin, que en Lugo, agora que se presentou o cartel da XLVIII Semana de Cine, a Academia do Audiovisual ten pendente informarse e formarse en Historia do cine. Mágoa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com