" />

ACE afirma que se Grandío dimite antes de comparecer polas contas do Lugo “elude responsabilidades”

Alternativa Cidadá de Esquerdas afirmou hoxe ante a posibilidade apuntada polos medios de comunicación de que o Tenente de Alcalde Delegado da Área de Goberno de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, puidese dimitir inminentemente por “motivos persoais”, que o devandito concelleiro do PSOE ten pendente a comparecencia no vindeiro pleno para responder ás preguntas de ACE-EU sobre o seu papel como conselleiro do CD Lugo, aprobada pola unanimidade de tódolos grupos municipais, incluído o PSOE, “e que se dimitise antes da mesma, estaría eludindo a súa responsabilidade democrática e favorecendo a opacidade institucional diante dunha presunta malversación de fondos públicos”.

A principal pregunta que ACE-EU quere que Díaz Grandío responda ante toda a corporación municipal é, se como conselleiro que xa era do C.D. Lugo, era coñecedor da contabilidade presentada polo Lugo ante a LFP na que aparece documentada a débeda existente, así como a razón pola que non se cumpriu a devolución antes do 31 de decembro de 2013 dos 600.000 € prestados polas arcas municipais para a conversión en S.A.D., tal como se acordara no convenio asinado entre o Concello e o clube de fútbol.

Carlos Portomeñe quere recordar tamén que ACE-EU xa rexistrara o mes pasado unha batería de preguntas para ser respondidas por escrito por Díaz Grandío, ás que debe responder independentemente de se renuncia ou non ao seu cargo. Entre as preguntas rexistradas, están se os representantes do Concello percibiron algunha retribución, directa ou indirecta pola súa labor de conselleiros do C.D. Lugo; se asistían regularmente ás xuntanzas do Consello de Administración e se estudiaban as ordes do día e as actas das mesmas; así como se tiñan constancia de presuntos pagos para a devolución de créditos, de contratos blindados a membros do equipo técnico ou da facturación de sociedades pertencentes a directivos e técnicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo