Ace-Eu pide que se estude a aplicación do Plan de Mobilidade na Mesa de Transporte

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) esixiu esta mañá a reunión inmediata da Mesa de Transporte pendente para a mellora do deseño das liñas de bus urbano e a avaliación da prestación deste servizo, despois de que pasasen catro meses dende o Pleno en que Lara Méndez se comprometeu a convocala nun prazo de 15 días. ACE-EU insta a recuperar o Plan de Mobilidade e a comezar o estudo da súa aplicación da devandita Mesa, para realizar unha mellora do bus urbano en consonancia co resto de medidas de ordenamento do tráfico.

Na Comisión de Reclamacións celebrada esta mañá volveron ser protagonistas as queixas polo funcionamento deficitario do transporte público e a petición de novas liñas, con reclamacións reiteradas polo incumprimento de horarios, por que non se teñan en conta as horas de entrada e saída aos institutos e colexios para a programación das frecuencias, o mal estado dos paneis informativos e a ausencia de datos actualizados nos mesmos ou que moitas zonas da cidade están moi esquecidas nos itinerarios, como a zona de Ombreiro e moitas parroquias.

“Non podemos agardar máis a seguir acumulando o descontento da  cidadanía e a que continúe a perda constante de usuarios”, salientou o voceiro da formación Carlos Portomeñe. Este grupo municipal amosouse en todo momento contrario a que fose a empresa adxudicataria a que realizase o redeseño das liñas de autobús, pois os criterios de rentabilidade e o afán de lucro non son acordes á correcta prestación dun servizo público. “Non hai dúbida de que os itinerarios actuais están desfasados e son surrealistas, e de que os autobuses están baleiros porque non responden ás necesidades dos usuarios; pero o goberno local cometeu un grave error ao ceder a responsabilidade municipal de  cambialos nunha empresa privada e ao non contar cos grupos municipais para elaborar conxuntamente ese redeseño, único xeito de asegurar que responda ao interese público”, afirma Portomeñe.

“Un exemplo claro é que as traballadoras e traballadores do HULA levan reclamando anos máis frecuencias e novas liñas que foron denegadas pola empresa por considerar que non lle compensaban economicamente os cambios.” Para ACE-EU, aproposta empresarial, sexa cal sexa, non é un punto de partida válido para a Mesa de Transporte, e considera que debería o Plan de Mobilidade o documento sobre o que deben traballar os grupos municipais.

O voceiro de ACE-EU salientou que “é unha burla á democracia que unha empresa privada suplantase o traballo político de planificación do transporte e que a día de hoxe a oposición aínda non coñeza cales son os cambios propostos nin recibira ningunha documentación ao respecto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com