" />

ACE-EU ve “opacidade” do goberno nos recursos do garañón

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida solicitou esta mañá na Xunta de Voceiros “que se informase sobre a decisión do goberno local con respecto á presentación de novos recursos contra as últimas sentenzas do TSXG contrarias ao proxecto de urbanización de O Garañón, xa que o prazo para poder recorrer remata este mesmo xoves, pero non recibiu resposta. A alcaldesa, Lara Méndez, nin sequera acudiu á Xunta de Voceiros, na que é obrigatoria a súa presenza como presidenta do Pleno”. Así mesmo, ACE-EU preguntou polo informe externo que o executivo anunciou que solicitaría sobre a conveniencia ou non de recorrer as resolucións xudiciais que validaron os informes da Xunta de Galicia. Foi o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, quen contestou aos requirimentos de ACE-EU, quen apuntou “que non sabía cal será a determinación tomada polo goberno, pero que si estaba rematado o informe solicitado a unha asesoría externa.

ACE-EU esixe que se dea a coñecer o resultado do devandito informe aos grupos da oposición antes de que se peche o prazo, que finaliza en tres días. “Vemos un secretismo inxustificado neste tema por parte da alcaldesa e o seu executivo. Se non teñen nada que agochar non ten sentido que non amosen o contido dese informe antes de tomar unha decisión que debería ser debatida e consensuada coa oposición para ter a suficiente lexitimidade. Deste xeito parece que xa tiñan decidido de antemán persistir no recurso e que as consultas externas non son máis que un puro trámite de cara a galería ante a presión social”, remarcou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “

ACE-EU tamén ve opacidade interesada na aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo, posto que está a ser modificada, tal como confirmou o propio Miguel Fernández na mesma Xunta de Voceiros, despois de ter alcanzado un acordo cos sindicatos a semana pasada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo