Activo un incendio forestal rexistrado na parroquia de Orosa en Palas de Rei

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo arestora, rexistrado no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Orosa. Segundo as primeiras estimacións rolda as 20 hectáreas de superficie afectada.

O lume iniciouse ás 16,21h de hoxe. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 3 técnicos, 12 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas, 1 pá, 5 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Asemade os  servizos de extinción traballa para atallar un lume que afecta a dúas naves en Castro de Rei. As lapas consomen por completo os dous recintos, nos que hai almacenados labras de madeira e troncos. Ademais, o incendio estendeuse ao monte contiguo e nas proximidades hai varias granxas de polos que os servizos de emerxencias traballan para protexer.

Sobre as 15:20 horas, o 112 Galicia comezou a recibir diversas chamadas de particulares para informar sobre este lume, que afecta a dúas naves situadas no lugar de Casás, en Goberno (Castro de Rei).

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de atención ás Emerxencias activaron un operativo para facer fronte ás lapas no que participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo, os Bombeiros de Vilalba e de Barreiros, o GES da Pontenova e os axentes da Garda Civil. Ademais, tamén colaboran medios do distrito forestal da zona e do Concello de Castro de Rei, así como os técnicos da empresa que xestiona o subministro eléctrico no lugar e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da AXEGA desprázase ao lugar para apoiar aos servizos de extinción, que unha vez no punto confirmaron que as naves afectadas contiñan labras de madeira e troncos, e que o lume se estendera ao monte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com