Adxudicadas obras de mellora en 18 rúas da cidade e 4 estradas do rural

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a adxudicación de obras de pavimentación e rexeneración do firme de 18 rúas da cidade e 4 estradas do rural por un importe próximo aos 900.000 euros, segundo anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

“Trátase de importantes melloras na rede viaria municipal que o Concello pode acometer con cargo aos remanentes que obtivo grazas á boa xestión económica realizada polo Goberno”, explicou o Concelleiro.

Na cidade, adxudicouse a pavimentación de 18 rúas cun orzamento de 676.300 euros, entre elas dous tramos da Ronda da Muralla. Son as seguintes:

– Rúa Carlos V Pimentel. Adxudicada por 9.317€ a Asogal.

– Ronda do Carme: 67.200€. Asogal.

– Rúa Ramos Misioné: 29.300€. Asogal.

– Acceso ao palomar dende o estacionamento Anxo Carro. 39.000€. Asogal.

– Rúa Azúmara: 9.700€. Portosar Galicia.

– Beirarrúa de Rof Codina (números 35, 37 e 39): 7.800€. Portosar Galicia.

– Glorieta Alfonso X – Filarmónica Lucense: 25.500€. Taboada y Ramos

– Entorno Pazo Municipal de Deportes: 10.300€. Rafer.

– Glorieta Virxe da Esperanza – Rof Codina: 5.000€. Rafer.

– Rúa Fisterra: Adxudicada por 10.500€ a Asogal.

– Camiño de Romai: 27.200€. Asogal.

– Camiño de Friás: 16.600€. Asogal.

– Rúa do Peto: 90.100€. Mauri e Hijos.

– Rúa do Cuco: 33.600€. Probisa Vías y Obras

– Rúa Virxe dos Ollos Grandes: 35.700€. Probisa Vías y Obras.

– Ronda da Muralla: Nos tramos comprendidos entre Montero Ríos e a Avenida da Coruña e entre a Avenida da Coruña e o Fogar de Santa María. Obras adxudicadas por 208.000€ a Asogal.

– Rúa Nicomedes Pastor Díaz: 21.100€. Rafer.

– Rúa Monforte: 29.700€. Rafer.

A previsión do Concello, segundo indicou o voceiro, é que os contratos destas 18 obras se asinen entre os días 11 e 18 de setembro. As obras comezarán despois das festas do San Froilán.

En todos os casos, o prazo de execución será de un mes, excepto a pavimentación dos dous tramos da Ronda da Muralla, a que conta cun maior orzamento, que ten un prazo de execución de 2 meses.

En canto ás obras no rural, avanzadas onte polo propio Concelleiro de Medio Rural, a Xunta de Goberno adxudicou por un importe de 182.500 euros traballos de rexeneración do firme en catro pistas, cun prazo de execución de un mes.

– Dende a estrada da antiga N-540 ao núcleo de A Pena –na parroquia de Calde-;

– A estrada LU-232 ao Tanatorio e da do hospital de Calde a Carballido Sur e A Travesa –ambas na parroquia de Esperante-;

– E na estrada de Vilanova a Cabanas -na parroquia de Santalla de Bóveda-.Vixilancia

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de vixilancia privada no Fogar do Transeúnte, por un importe de 99.200€, e no CEI-Nodus Espazo Lab, por 65.300€, nos dous casos por unha anualidade. A empresa adxudicataria é ALCOR. Os novos contratos inclúen melloras salariais e laborais para os traballadores, segundo destacou o voceiro municipal.

Acordouse así mesmo prorrogar por un ano, ata o 23 de agosto de 2016, o contrato pola prestación de actividades de animación sociocultural nos centros de convivencia municipais subscrito coa empresa Alenti Soluciones para Eventos, por un importe de 168.400 euros.

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno designou aos membros da Mesa de Contratación das obras correspondentes á segunda fase da modernización da Praza de Abastos, un asunto de trámite para sacar adiante un proxecto que conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, financiados polo Plan URBAN, e un prazo de execución de 6,7 meses, e que “suporá unha gran mellora das actuais instalacións da praza”, recalcou Miguel Fernández, quen asegurou que as obras non comezarán ata despois do San Froilán.

Aprobáronse tamén as normas de tramitación dos contratos menores, xa avanzadas polo Goberno local, como lembrou o voceiro. O Executivo “aumentou o nivel de esixencia establecido pola propia Lei de Contratos do Sector Público”, indicou.

Para os contratos de obras por importe de ata 2.000 euros e de servizos e subministros por un máximo de 6.000, o Concello tramita proposta e memoria; e no caso de contratos de obras de entre 6.000 e 50.000 euros, e servizos e subministros de entre 2.000 e 18.000, requírese proposta, memoria e tres orzamentos, cando a Lei permite, en todos estes casos, adxudicalos directamente a calquera empresa con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación do servizo.

Como xa avanzou tamén o Goberno, os grupos políticos disporán dun espazo habilitado no servizo de Actas para consultar a documentación que requiran e precisen unha vez á semana: os xoves, de 10.00 a 14.00 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com