" />

Adxudicadas obras de pavimentación de seis rúas por 214.000 euros

A Xunta de Goberno deu este mércores luz verde á adxudicación das obras de pavimentación de seis rúas -Fisterra, Camiño de Romai, Camiño de Friás, Rúa do Peto, Rúa do Cuco e Virxe dos Ollos Grandes-, unhas obras que contan cun investimento de preto de 214.000 euros, segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Estes traballos, que comezarán en menos de un mes, teñen un prazo máximo de execución de 30 días. A adxudicación realizouse mediante procedemento aberto. Os importes de cada obra e a empresa adxudicataria son os seguintes:

– Rúa Fisterra: 10.551,20€. Asogal.

– Camiño de Romai: 27.268,56€. Asogal.

– Camiño de Friás: 16.654,44€. Asogal.

– Rúa do Peto: 90.124,99. J. Mauri e Hijos

– Rúa do Cuco: 33.638€. Probisa Vías y Obras

– Virxe dos Ollos Grandes. 35.695€. Probisa Vías y Obras

Doutra banda, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou a adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, co que se garante a prestación deste servicio de conciliación familiar e laboral ata finais deste 2015. Fíxase esta data, igual que en todas as contratacións relacionadas con servicios sociais, “porque será nesa data cando a Xunta teña que aclarar se asume ou non as competencias neste eido”, explicou o voceiro municipal.

O programa, que se imparte nos centros Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, María Balteira e no local de propiedade municipal situado no parque da Milagrosa, ten unha importante acollida, con entre 30 e 35 nenos por quenda, que son atendidos por entre 2 e 3 monitores.

Está dirixido á procurar o desenvolvemento da personalidade das nenas e nenos a traveso do xogo e do xoguete, fomentar a práctica do xogo en grupo, axudar á integración dos menores con necesidades específicas mediante o xogo e a realización de actividades de animación infantil.

O desenvolvemento deste programa ata finais de ano ten un orzamento de case 123.000 euros, e del ocuparase a Fundación Camiña Social. O programa Aprende Xogando “enmárcase na nosa aposta polo benestar e as políticas sociais, un dos eixes fundamentais do traballo que desenvolveremos dende o Goberno local”, asegurou Miguel Fernández.

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo impoñer unha penalidade de 1.062 euros á empresa adxudicataria das obras de mellora de saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Páxaro por non cumprir os prazos de execución estipulados.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo