Agromuralla propón á Xunta “repensar” o papel das oficinas agrarias e “dotalas dos medios necesarios”

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla propón “repensar” o papel das actuais oficinas agrarias comarcais e pide á Xunta de Galicia, da que dependen, “que as dote do persoal e os medios necesarios para que poidan cumprir a súa función de dar asesoramento e apoio técnico ás explotacións asentadas no medio rural galego”.

A estrutura periférica da Consellería do Medio Rural está composta por 68 oficinas comarcais repartidas por todo o territorio galego. Malia que tiveron a súa orixe nos anos 50-60 nas antigas Axencias de Extensión Agraria, que naceron coa finalidade de modernizar o agro a través da transferencia de coñecemento e dos avances técnicos ás explotacións a través dunha administración próxima e coñecedora de primeira man da problemática rural e produtiva, derivaron a súa función principal cara as xestións agrarias, en especial a tramitación e cobro das axudas públicas procedentes de Europa (axudas da PAC, plans de modernización, axudas vinculadas á actividade agraria).

Para Roberto López, presidente de Agromuralla, “as oficinas agrarias pouco a pouco foron perdendo a súa función orixinaria de asesoramento directo aos gandeiros para convertérense na actualidade en moitos casos en simples oficinas burocráticas de tramitación de expedientes administrativos”.

Segundo defende Agromuralla, é necesario “relanzar as oficinas agrarias como servizo público máis próximo ás explotacións para que manteñan contacto constante co sector e poidan prestar deste xeito apoio aos gandeiros”.

“A presentación telemática da documentación está provocando que cada vez o contacto dos técnicos das oficinas agrarias cos gandeiros sexa menor polo que é necesario establecer novos puntos de encontro e relación por medio de xornadas e visitas formativas que sirvan para manter ao sector produtor actualizado e ao tanto das novidades que xurdan desde o punto de vista técnico ou administrativo”, explica Roberto López, que considera que “as oficinas agrarias deben estar máis centradas na formación e na transmisión de coñecementos e avances e facer menos traballo burocrático mantendo máis o contacto cos gandeiros e coa realidade do sector para implicarse cos seus problemas e buscarlles solucións”.

A dixitalización das xestións agrarias está impactando de cheo sobre as explotacións e Agromuralla considera que as oficinas agrarias deberían servir para a formación dos gandeiros nese ámbito. “A falta de axuda por parte dos servizos públicos está obrigando a moitas explotacións a teren que recurrir a xestorías, o que supón un custo engadido para o seu funcionamento diario”, denuncia Roberto López.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com