Ameijide denuncia “ineficacia” do Director de RR.HH. e pide a súa comparecencia

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou a “ineficacia” do Director Xeral de Recursos Humanos do Concello, un “posto político” nomeado pola alcaldesa e que, segundo os populares, “non fixo nada” nos cinco meses que leva no cargo. Asemade, o PP critica que este cargo fose creado hai case dous anos e medio e “os lucenses xa levan pagados 126.000€ sen que solucionasen ningún problema”.

Antonio Ameijide explica que dende que se nomeou a Emilio Martínez como Director Xeral de Recursos Humanos, o pasado 2 de maio, nada mudou no Concello de Lugo, a situación “segue igual ou peor” xa que non se desbloqueou a RPT e non se convocaron prazas das OEP dos anos 2015, 2016 e 2017.

O voceiro popular destaca outra das grandes eivas do Director Xeral de Recursos Humanos no exercicio do seu cargo xa que tampouco deu cumprimento á promesa que fixera no ano 2016 o edil de Persoal, Daniel Piñeiro, de implantar no Concello de Lugo medidas para favorecer a conciliación laboral e establecer medidas para o control horario, a pesar de recoñecer que o sistema está testado.

Pero, para Antonio Ameijide, “a gota que colmou o vaso” foron as declaracións realizadas polo Director Xeral de Recursos Humanos esta fin de semana a un medio de comunicación, onde aseguraba que non xestiona para beneficio dos traballadores e que cre máis produtivo pagar extras que contratar substitutos. Para o popular “queda clara” cal é a política do PSOE e do seus “comisarios políticos”, “desmantelar” o Concello, “barra libre” de horas extraordinarias e privatizar “o que poidan”.

Segundo Antonio Ameijide hai unha “clara ausencia de xestión” que se ve reflectida en que o Concello de Lugo carece, actualmente, de secretario e interventor e tesoureira coa habilitación nacional correspondente, xefes de servizo vacantes, algunha dende hai anos, como arquitectura, cultura, parque móbil, bombeiros, director da banda… “por non falar do desmantelamento de servizos, como o de augas ou electromecánicos”.

O popular asegura que “non podemos permitir” que unha persoa que ocupa un cargo que nos custa 5.000 euros cada mes a todos os lucenses diga que é máis produtivo pagar horas extraordinarias que crear novos postos de calidade para dar un servizo correcto ao cidadán. Por iso, Antonio Ameijide anunciou que “hai motivos máis que suficientes”  para esixir a comparecencia do Director Xeral de Recursos Humanos en comisión, onde terá que dar “as explicacións oportunas”. Ademais, o popular engade que se as explicacións “non son convincentes” será un motivo máis que suficiente para para pedir o seu cesamento neste cargo, xa anulado polo pleno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com