Ana González Abelleira acusa a Candia de asumir os incumprimentos da Xunta no SAF

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o suposto “plan de choque” presentado polo Goberno local para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) constitúe “unha auténtica estafa política e comunicativa” coa que o Partido Popular pretende ocultar os incumprimentos da Xunta de Galicia en materia de dependencia mentres traslada aos lucenses unha factura que non lles corresponde asumir.

Abelleira asegurou que o anuncio realizado por Elena Candia e polo concelleiro Gustavo Díaz responde máis a unha operación de propaganda que a unha solución real dos problemas que afectan ao servizo. “Pretenden poñerse medallas cun incremento de fondos que en realidade serve para consolidar un modelo profundamente inxusto no que o Concello continúa asumindo competencias e gastos que son exclusiva responsabilidade da Xunta de Galicia”, afirmou.

A edil socialista lembrou que a dependencia e o SAF son competencias autonómicas e  calquera servizo delegado aos concellos debe contar cun financiamento íntegro por parte da administración competente. González Abelleira sostén que a proposta popular non supón unha solución real ao problema do financiamento do servizo, senón que pretende que as administracións locais asuman unha responsabilidade que corresponde ao Goberno autonómico.

Segundo explicou, os concellos levan anos reclamando unha actualización do financiamento autonómico para poder garantir a sustentabilidade dun servizo esencial para a atención das persoas maiores e dependentes. Neste sentido, lembrou que moitas entidades locais están asumindo con fondos propios unha parte crecente do custo do servizo.

A portavoz adxunta no Concello de Lugo, no grupo socialista, defendeu a necesidade de que o Goberno galego incremente a súa participación no financiamento do servizo e advertiu de que as medidas propostas polo PP “non resolven o problema de fondo”, senón que buscan “ocultar a falta de resposta da Xunta ante unha demanda histórica dos concellos galegos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com