Aparcamento gratuíto polas tardes e fins de semana, no Concello

A Alcaldesa de Lugo, xunto a membros do seu goberno, anunciou que o aparcadoiro que o Concello ten no que era o antigo Seminario abrirá a partir de mañá venres para toda a cidadanía polas tardes en días laborables e as fins de semana. Deste xeito, “poñemos a disposición dos cidadáns 80 novas prazas gratis no centro de Lugo, que fan un total de 800 coas dos estacionamentos disuasorios (203), o párking enfronte ao HULA (363) e o repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150)”.

O horario de apertura ao público en xeral do estacionamento do Centro de Servizos Municipais, isto é, o edificio administrativo do Concello, será entre as 15:30 e as 22:00, de luns a venres, e de 10:00 a 00:00, os sábados e domingos. Nos restantes horarios, só poderán acceder vehículos de persoal municipal, autorizados con tarxeta. A zona dos soportais do aparcadoiro estará reservada de 7:30 a 15:30 para os membros da Corporación local e de 15:30 a 7:30 para vehículos autorizados con tarxeta.

Antes de levar a cabo esta medida, o Concello procedeu ao repintado da sinalización das prazas e á instalación dun sistema que permite que a porta de entrada estea aberta de maneira permanente durante os días e o horario nos que o acceso é libre. Deste xeito, polas mañás, en días e horario laborais, a porta abrirá co mando do que dispón o persoal municipal, e polas tardes, fins de semana e festivos, estará aberta de maneira permanente. Así mesmo, renováronse as tarxetas de autorización de estacionamento do persoal do Concello para identificar aos usuarios.

Esta medida responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou a alcaldesa, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da avenida Infanta Elena, a reordenación das liñas de bus, a creación de máis carrís bici, a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, os aparcadoiros disuasorios ou o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com