O BNG aposta por un sistema de regulación de aparcamento gratuíto, rotatorio e con xestión directa do Concello

Unha vez vista a proposta presentada polo goberno municipal, na que se inclúen diversos informes de técnicos municipais, o voceiro do BNG – Asembleas Abertas manifestou que fará unha proposta para que se adapte a Lugo un sistema de regulación do aparcamento similar ao que está a funcionar en Pontevedra. Arroxo explicou que “na visita que fixemos onte a esta localidade, comprobamos como se pode regular o aparcamento coa debida sinalización e un único vehículo conducido por axentes da policia local”.

Para o BNG – Asembleas Abertas “estase reducindo o debate á adxudicación, ou non, do sistema ORA a unha empresa e o debate ten que ser sobre o modelo de cidade, non sobre o sistema de aparcamento”. O voceiro nacionalista lembrou que “no momento en que o PSOE decidiu, unilateralmente, suspender o funcionamento do sistema ORA, nos xa advertimos de que se trataba dunha irreponsabilidade que somentes buscaba lanzar unha cortina de fume para tratar de tapar as imputacións xudiciais do Sr. Besteiro”.

Arroxo sinalou que o sistema que propón o BNG – Asembleas Abertas “encaixa perfectamente dentro dos parámetros sinalados nos informes técnicos presentados polo equipo de goberno” e engadiu que “sería un sistema municipal ao 100 % e gratuíto para os cidadáns”. A implantación do novo sistema de control proposto polos nacionalistas estaría baseado, unicamente, na definición das zonas a controlar e na definición do tempo máximo de estacionamento permitido.

Arroxo explicou que “é modelo non recaudatorio que somentes persegue a rotación dos vehículos nas prazas de estacionamento”. Arroxo asegurou que con este sistema cada praza de aparcamento pode dar servizo a 30 ou 40 vehículos diariamente. Os vehículos poderían estacionar durante o tempo máximo que se decida de xeito gratuíto, para que as persoas teñan o tempo suficiente para facer as xestións ou trámites necesarios. O control dos tempos de estacionamento fariase con vehículos equipado cun lector de matrículas e sistema automático de sanción.

Doutra banda, a deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa no Congreso encamiñada a reclamar ao goberno do estado unha mellora das comunicacións con Lugo a traveso do ferrocarril. Entre as iniciativas dos nacionalistas está solicitar ao goberno central que inicie os estudos correspondentes para proxectar nun prazo coherente liñas ferroviarias de conexión entre Lugo e Compostela e entre Lugo e A Mariña.

Asemade, os nacionalistas solicitan do goberno central que se artellen os mecanismos necesarios para dotarnos de liñas de tren frecuentes e rápidas para unir as cidades de Lugo e da Coruña e de Lugo, e de Ourense polo trazado xa existente. Rosana Pérez sinalou que “Lugo solo dispón de 3 conexións diarias con A Coruña e unha única con Ourense a velocidades propias de mediados do século pasado”.

Rosana Pérez criticou “o desmantelamento dos servizos ferroviarios sufrido nos últimos anos” e sinalou que “a solución non pasa por poñer liñas de alta velocidade por todas as cidades, liñas de alto custe, grave impacto ambiental e dunha utilidade absurda para unir distancias inferiores aos 300km, senón que precisamos vertebrar Galicia a través de trens de cercanías para poder achegarnos dunha forma rápida, barata, ecolóxica e segura aos diferentes núcleos de poboación do país, e dende aí termos liñas de comunicación de alta velocidade co resto de territorios europeos”

Conexións coa Mariña e Compostela

“Cómpre lembrar que hai xa 140 anos se introducía no Plan de Ferrocarril unha liña que uniría Lugo coa Mariña e á súa vez Lugo con Marín.  Case século e medio despois estas propostas quedaron abandoadas e sería fundamental de cara a unir Lugo co eixo cantábrico. Outra liña que leva décadas no debate, e que dende logo sería moi necesaria, é a que uniría Lugo con Compostela e á súa vez nos poñería en conexión directa co Eixo Atlántico Galego e con Portugal a través deste transporte”, sinalou Pérez.
A deputada do BNG participou nunha asamblea aberta que se celebrou no centro social Maruja Mallo,  na que deu conta do traballo feito no congreso. Rosana Pérez destacou “a importancia para Galicia de contar cun grupo parlamentario propio” e dixo “que a vindeira lexislatura será fundamental para que Galiza non perda estatus respecto a outros territorios do estado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com