Aprobada a modificación orzamentaria para dedicar o 1% do presuposto do Concello a axudas para os sectores máis afectados pola pandemia

O Concello de Lugo vén de aprobar nun pleno extraordinario unha modificación dos orzamentos para engadir un suplemento de crédito dun millón de euros para destinar ao segundo plan de axudas directas aos sectores afectados pola pandemia, dando continuidade ao Plan Reanima que beneficiou a 3.300 empresarios e autónomos. Con este aumento son case uns 20 millóns de euros os que o Concello vén de mobilizar nos últimos doce meses para reactivar a economía da cidade, atraer investimento e xerar postos de traballo.

Así o lembraron no pleno tanto a alcaldesa, Lara Méndez, como a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, onde lembraron que este segundo plan de axudas directas corresponde ao 1% do orzamento do Concello, comprometido nas negociacións dos municipios coa Xunta de Galicia para unificar esforzos co fin de ofrecer axudas directas aos sectores afectados, conversas onde se lle pedía ao Goberno galego que dedicase tamén o 1% do seu orzamento e que o executivo autonómico non aceptou.

Ese 1% foi o comprometido polo Concello de Lugo nas negociacións dos municipios coa Xunta de Galicia para unificar esforzos co fin de ofrecer axudas directas aos sectores afectados, conversas onde se lle pedía ao Goberno galego que dedicase tamén o 1% do seu orzamento e que o executivo autonómico non aceptou.

Lara Méndez destacou que “o Concello está a realizar un esforzo moi importante con recursos propios para apoiar aos distintos sectores da cidade, especialmente ao sector servizos, hostalería e comercio, un dos máis afectados e onde xa se está a notar a perda de empregos, pero tamén para diversificar a industria e xerar novos postos de traballo que axuden a que Lugo saia reforzado desta pandemia”.

E malia que parece que non habería porque negarse a aprobación deste plan, os populares, que votaron a favor, criticaron tamén no pleno o que tildaron de mentiras e ocultismo do Goberno local. Así o vicevoceiro da agrupación popular, Antonio Ameijide, asegurou que o Goberno de Lara Méndez tentou tapar a falta de previsión orzamentaria ao incluír nesta modificación de crédito outras partidas destinadas a equipar instalacións mmunicipais a pagar indemnizacións de sentencias xudiciais.

O concelleiro popular fai esta crítica xa que se trata de partidas que xa deberían figurar nos propios orzamentos municipais que PSOE e BNG deseñaron e aprobaron para Lugo. “No seu momento xa dixemos que o borrador de orzamentos que presentaban non se axustaba á realidade e a realidade é que agora teñen que afrontar no mes de abril unha reforma orzamentaria porque non se axustan á realidade de Lugo”, sinalou.

Neste senso, o ano pasado xa se sabía que o Concello de Lugo tería que afrontar unha indemnización de 2.4M€ pola Fábrica da Luz e nada aparecía nos orzamentos. Unha indemnización “que é un préstamo” porque esta indemnización teñen que pagala os políticos socialistas responsables, entre eles Lara Méndez, que aínda non iniciou o procedemento, entendemos que por medo ou intereses persoais, ou Daniel Piñeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com