Aprobado no Pleno o 5% que quedaba pendente do PXOM

Esta mañá o Pleno da Corporación acordou, co voto favorable de PSOE e PP, a abstención de Ciudadanos e o voto contrario do BNG, aprobar o proxecto de revisión do PXOM que agardaba pola documentación técnica resultante do estudo dos mapas de perigosidade e risco de inundación, correspondente ao 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal, relativo á zona rural.
O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, declarou que “esta aprobación suporá un impulso á capacidade edificatoria en 70
núcleos do rural e o incremento dos servizos e dotacións públicas”.
Miguel Couto aproveitou para lembrar que a Xunta deixou esta parte do PXOM en suspenso en dúas ocasións. “A primeira, hai 9 anos, no 2011, cando deu luz verde ao 95% restante do Plan Xeral, e logo no 2013 cun informe que, como avanzamos no seu día, era lesivo para os intereses de Lugo xa que foi efectuado fóra do establecido no procedemento administrativo”, sostivo o concelleiro.
No ano 2011, a “Consellería de Medio Ambiente suspendeu o 5% establecendo consideracións en 70 núcleos rurais dos 300 que compoñen o municipio, e en 17 urbanizables dos 65 que contempla o PXOM”.
Ante isto, o “Concello de Lugo presentou nova documentación, que foi aprobada en Pleno en decembro de 2012, pero foi entón cando a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizalo cun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no que solicitaba estudos Hidrolóxicos-Hidraúlicos dos ámbitos en suspenso”. Sen embargo, comentou Couto, “ese trámite xa fora satisfeito polo Concello na fase de aprobación provisional obténdose un informe favorable da CHMS o 1 de setembro de 2008. Este informe estaba condicionado a unhas obrigas, pero en ningunha delas se sinalaba a necesidade destes estudos”, aclarou.
“Neste tempo, o Concello presentou os traballos requiridos á Confederación, que en marzo de 2019 emitiu un informe en sentido favorable, sobre o que o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM”, sinalou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com