Aprobado un plan de mellora de accesos ás praias da Mariña por máis de 400.000 euros

A Xunta de Goberno deste venres vén de aprobar un plan de mellora dos accesos ás praias da Mariña por valor de 401.216 euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que se trata dunhas actuacións que responden a peticións realizadas polos veciños que solicitaron incluír nos Orzamentos de 2015 e que, polo tanto, deben ser executadas neste ano.

Destacou, ademais, que “estas melloras son especialmente necesarias neste momento tendo en conta que, de cara á chegada das altas temperaturas e á tempada de verán, aumenta considerablemente a intensidade do tráfico nestas vías”, polo que teñen que estar realizadas o antes posibles para evitar maiores trastornos aos usuarios.

Así pois, o organismo provincial acometerá melloras nun total de 6,57 quilómetros mediante o acondicionamento do firme co uso de dobre capa de aglomerado en quente; limpeza e reapertura de cunetas e reforzo da sinalización. As estradas nas que se intervirá son as seguintes:

– A LU-P-0610, que dá acceso ás praias de Altar, Reinante e Os Castros, no Concello de Barreiros, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,450 e 7,450. O orzamento previsto é de 142.321 euros.

– A LU-P-2011, de acceso á praia de Llas dende Marzán, no Concello de Foz, cunha inversión de 39.098 euros para a mellora do treito entre os puntos quilométricos 0,178 e 0,464.

– As LU-P-5206 e LU-P-5208, que supoñen dous accesos diferentes á praia dos Castros, en Ribadeo. No caso da primeira delas, actuarase entre os p.k. 0,206 e 0,906; no caso da segunda, do p.k. 0,000 ao 0,655. Son en total 1,55 quilómetros en cuxa mellora investiranse 68.804 euros.

– A LU-P-6405, que dá acceso á praia de Xilloi, no Concello do Vicedo, entre os puntos quilométricos 2,070 e 3,440, ao que hai que engadir o propio ramal de acceso á praia, sumando uns 1,5 quilómetros. O importe da mellora neste caso é de 90.942 euros.

– A LU-P-6412, que une Viveiro coa praia de Abrela no Vicedo. O tramo obxecto de actuación é o comprendido entre os puntos quilométricos 0,150 e 1,175, no Concello de Viveiro, cun orzamento de 60.048 euros. Deste xeito, complétase a mellora total da vía, posto que no tramo do Vicedo xa se actuara no seu momento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com