Aprobados os Orzamentos 2020 da Deputación coa publicación no BOP

Os Orzamentos da Deputación de Lugo para este ano 2020, que ascenden a 92 millóns de euros, quedaron aprobados de maneira definitiva coa súa publicación este sábado, 4 de xaneiro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), despois de que durante os 15 días de exposición pública non se presentase ningunha alegación. Deste xeito, a entrada en vigor dos presupostos prodúcese hoxe mesmo, aínda que con efectos do 1 de xaneiro.

O Presidente, José Tomé Roca, subliñou que o Orzamento 2020 “está pegado á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos financeiros”.

Para iso, asegurou José Tomé, os presupostos potencian catro grandes liñas de actuación. A prioritaria son as políticas sociais, para o que  están destinadas partidas que superan os 30 millóns de euros, o que represente preto do 33% do total dos presupostos.

Dentro do investimento social, o presuposto da Deputación dedica 9 millóns de euros para o funcionamento das residencias de Pol, Trabada e Ribadeo, e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e avanzar no equipamento das de Meira e Ribas de Sil.

As políticas de emprego contarán con 5 millóns para plans de axudas directas á contratación, para formación e para apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos concellos.

A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6 millóns de euros. Máis da metade deste investimento -1,5 millóns – está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores.

Os Orzamentos do 2020 teñen a cooperación cos Concellos como acción transversal. O Plan Único, un dos instrumentos en torno aos que se artella esta permanente colaboración cos 67 municipios da provincia, contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes.

Os Orzamentos de 2020 priorizan a mellora da rede viaria porque, explicou o Presidente, “entendemos a mobilidade como un dereito da cidadanía e como un factor determinante para a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”. Por iso, “facemos un importante esforzo inversor”, detallou, de ata 14M€, para operacións de mantemento e conservación dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial –a máis extensa de España-, para obra nova e para o Parque Móbil, “outro instrumento de cooperación cos concellos moi importante”.

Os Orzamentos impulsan sobre todo os sectores produtivos cun maior peso e potencial da provincia, como o son o primario e o turístico. En canto á actividade agrogandeira e forestal, reservan 2M€ para, entre outras actuacións, impulsar o centro de recría da Granxa Gayoso Castro; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite; impulsar a creación en Gayoso Castro dunha explotación para potenciar a raza de porco celta; implantar na Finca de Tor novas actividades vinculadas á produción ecolóxica; e activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e mellorar así a súa competitividade.

En canto ao sector turístico, os presupostos contemplan 2,4M€ para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Xan 04, 2020 - 11:58 PM

    Menuda noticia? Anunciar o traballo que teñen que facer, cobrando un salario loxicamente. Que falta de sentido. Sentidiño………

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com