As obras recollidas no Proxecto Manuel Rodríguez López, agora en papel

A plataforma en Internet GaliciaDigital, en colaboración co concello de Paradela e a familia do escritor Manuel Rodríguez López, e o apoio da Xunta de Galicia, Real Academia Galega e a D.O. Ribeira Sacra, ten emprendido
desde 2012 o proxecto co nome do autor para dar a coñecer a vida e a obra do escritor paradelense que deixou un moi importante legado literario en poesía, narración, xornalismo, teatro… pero sobre todo deixou memoria clara dun home xeneroso e bo, que case tres décadas despois da súa morte pervive en todos os seus amigos con toda claridade, a través da súa obra e da súa lembranza.

Coordinado por Antonio Giz, un dos elementos máis importantes deste Proxecto é a web www.manuelrodriguezlopez.org, unha das máis completas das dedicadas aos escritores galegos, na que figuran medio cento de colaboracións de amigos escritores, admiradores, e gañadores do certame que leva o seu nome, que foron aportadas ao cumprirse os vinte e cinco anos do seu pasamento.

Ese medio cento de traballos publícase agora en libro como Memoria viva dun Poeta Obreiro, para contribuír a espallar a súa obra e a súa lembranza. Participan neste libro os seus amigos Xesús Alonso Montero, Adolfo de Abel Vilela, Ramiro Arca, Alfonso Blanco Torrado, Darío Xohán Cabana, Eloi Caldeiro, Xosé Manuel Carballo, Manoel Carrete, José de Cora, Yolanda Díaz Gallego, Ángel Fernández López,  Xosé Lois Foxo, Xosé Lois García, Lorenzo García-Diego, José Gómez Blanco, Luis González Tosar, Marcial González Vigo, Antón Grande, Alfredo González Vilela, Baldomero Iglesias Dobarrio, Xosé Luis López Fraga, Xesús Mato Mato, Xavier Rodríguez Barro, Xulio López Valcárcel, Xosé Vázquez Pintor e Xulio Xiz.

Figuran, ademáis, traballos da familia e, no seu nome, Santiago Rodríguez López, o seu fillo; do cantautoor Xoan Rubia así como dos Secretarios Xerais de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín Gómez e de Cultura, Anxo Lorenzo; os que foron deputados provinciais de Cultura, Antón Bao e Mario Outeiro, e o Alcalde de Paradela, impulsor da memoria de Rodríguez López, Xosé Manuel Mato Díaz.

Dos premiados no Certame Manuel Rodríguez López, que promove o concello de Paradela, participan os escritores Rafael Catoira, Manrique Fernánez, Féliz Fernández, Pepe Pol, Isabel Julián, Rafael Laso, Francisco Merchán, Alexandre Nerium, Isabel Oliver, Xosé Otero Canto, Jesús Alfonso Parada, Francisco Piñeiro, Feliciano Ramos, Francisco Rozados eAlba Sánchez Ares. Do mesmo xeito, Siro López e Álvaro de la Vega poñen a súa arte a disposición do libro coas súas creacións.

Todos estes traballos están íntegros a disposición dos interesados na web www.manuelrodriguezlopez.org, publicándose agora en libro como apoio á web e ao Proxecto, e para refrendar a vixencia da obra deste autor e, de xeito especial, o seu papel de vencello entre os emigrantes en Catalunya – varias das súas obras son exemplo desta unión- e os galegos da terra. O libro vai ser presentado nos lugares que acollan desde agora a exposición sobre este autor. A primeira delas, o próximo 2 de maio, no Centro Comarcal da Ulloa de Palas de Rei.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com