" />

Auditorio Xesús Mato

Xesús Mato, que anda nunha nube para as cousas do mundo, alucinou ao saber o nome do novo Auditorio lucense.

Porque en 1972 Mato inventou Fuxan. Puxo a andar a súa faceta creativa e escribiu o poema “Fuxan os ventos”, pensando en que rapazas e rapaces que andaban ao seu arredor berrasen que os ventos dos agoreiros fuxisen desta terra, e chegaran aires novos que fixeran nova á xente para un novo país. Mesmo os agoreiros sorprendidos porque Mato andivera entre tanta mocidade, esquecendo o que O Mestre dixera de deixar que os mozos (e as mozas) se achegaran a el.

Cando rematou o esencial poema, abriu as portas da súa imaxinación musical e construíu unha fermosa música, ignorando que estaba facendo historia.

E aló foi coa súa cuadrilla musical aínda innominada ás San Lucas, para disfrutar cantando no certame convocado en Mondoñedo, triunfando clamorosamente e comezando a renovar a música e a sociedade galega inspirados, promovidos, alentados por un crego de corenta anos, humilde por vocación, xigante por intelixencia e vontade.

Case medio século despois – medrando  cada vez máis en Auxilia, en Galicia canta ao Neno, nos medios de comunicación, na música ou na montaña lucense; despois de ser Fillo predilecto no seu Paradela, ou Medalla Castelao por aclamación popular- Xesús Mato coñece que o novo auditorio vai levar o seu nome.

Porque “Fuxan os ventos” e Mato son sinónimos, e non vou ousar pedirlle aos membros da R.A.G. que así o declaren oficialmente, porque non fai falla. Pero lembrade sempre, lucenses, cando leades o rótulo de “Auditorio Fuxan os ventos” que alí pon (tamén) “Auditorio Xesús Mato”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo