Aumentan máis dun 40% as denuncias por violencia de xénero no último ano na provincia

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe do aumento nas denuncias por violencia de xénero na provincia no que vai de ano, segundo reflicten os rexistros da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno. Isabel Rodríguez advertiu de que no número de denuncias recollidas polas forzas e corpos de seguridade na provincia obsérvase unha tendencia á alza despois dun ano no que se producira unha baixada.

A subdelegada informou de que nos meses de xaneiro e febreiro rexistráronse 83 denuncias, o que supón un incremento do 40,6% respecto aos mesmos meses do ano 2021, nos que foran 59. En todo ao ano pasado o número de denuncias fora de 489.

Isabel Rodríguez asegurou que os datos son preocupantes, demostran que a violencia de xénero é un dos problemas sociais máis graves, e criticou os intentos de banalizalo.

“Vai contra a ética calquera intento de minimizalo, as cifras demostran a gravidade dunha lacra ante a que non debemos permanecer insensibles, que destroza vidas e causa un enorme sufrimento ás vítimas”, manifestou a subdelegada.

A situación da violencia de xénero na provincia analizouse hoxe nunha xuntanza que celebrou a Comisión técnica de coordinación en materia de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno. Na reunión participaron, ademais da xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, María Luis Castro, representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica e de Institucións Penitenciarias.

Segundo se informou na xuntanza, a data 16 de marzo, estaban rexistrados 607 casos activos no sistema Viogen correspondentes á provincia de Lugo dos que 1 ten a valoración de risco extremo 1 de risco alto, 76 medio, 263 baixo e 266 non apreciado.

En canto a recursos para a protección das vítimas, actualmente, 28 dispoñen do servizo de atención telefónica Atempro e 23 do dispositivo de protección COMETA.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com