Aumentan un 30% os préstamos nas bibliotecas da Xunta

As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta realizaron máis de 700.000 préstamos ao longo de 2021, o que representa un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Hoxe, Día das persoas usuarias das bibliotecas, nomearanse os socios e socias de honra entre as persoas do público adulto e infantil que levasen máis materiais nos últimos 12 meses e, en recoñecemento, poderán incrementar o número de préstamos este ano. Ademais, co gallo desta conmemoración recollida no Calendario do libro e da lectura de Galicia, realizaranse visitas guiadas en diferentes centros.

No conxunto, en toda a Rede de bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros bibliotecarios públicos existentes no territorio galego, o número de préstamos de 2021 superou os 1,3 millóns. A estes engádenselle os da plataforma de préstamo de libros electrónicos Galicia Le, con máis de 113.000, que consolidan o crecemento que está a vivir nestes últimos anos o consumo deste tipo de libros nas bibliotecas públicas da Xunta. É unha cifra que duplica aos rexistrados en 2019, cando se prestaran máis de 56.000.

Biblioteca Pública de Lugo
A Biblioteca Pública de Lugo celebra o Día das persoas usuarias con visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas. Este centro incrementou en máis dun 30% os préstamos. Sumou o pasado ano 105.932, fronte aos 80.206 de 2020. Nos volumes máis prestados repítese a banda deseñada con One piece, de Eiichiro Oda, con 695 solicitudes, seguido de Naruto, con 682. Ambos encabezan a listaxe tanto de volumes en castelán como para público infantil e xuvenil.

Os libros máis prestados para maiores de 14 anos tamén están encabezados por autores xaponeses, Hajime Isayana, con Ataque a los titanes, e Sui Ishida, con Tokyo ghoul. Pola súa banda, Os nenos da varíola de María Solar foi o libro máis prestado en lingua galega, con 33 demandas, seguido de O último barco, de Domingo Villar, con 27.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com