Avances na primeira fase da Autovía Nadela – Sarria

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe os avances na primeira fase da Autovía Nadela-Sarria, na que a Xunta está a investir máis de 25 millóns de euros, para poñer ao servizo dos cidadáns esta infraestrutura a partir do outono do vindeiro ano. Nesta liña, e durante unha visita ás obras, Feijóo aseverou que ao tempo que se avanza no desdobramento, que comprende arredor de 11 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, este mesmo ano, licitarase xa a redacción do proxecto para completar integramente a Autovía de Sarria ata Nadela.

Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso da Xunta para seguir avanzando no obxectivo de coser o territorio con infraestruturas de comunicación capaces de garantir as mellores condicións de mobilidade para as persoas e para as mercadorías. Así, lembrou que nos peores anos da crise económica, a Xunta investiu 135 millóns de euros na construción da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, completando, deste xeito, o eixe que fixo posible reducir a menos de 45 minutos o tempo de percorrido entre Lugo e a capital da comarca de Lemos.

“Hoxe o 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións”, resaltou, reiterando o compromiso tamén coa vertebración da provincia de Lugo. Ao respecto, salientou que, neste mesmo mes de marzo licitaranse as obras da primeira fase do acondicionamento da estrada LU-231, do eixe Palas-Friol-Begonte, cun investimento de 2,8 millóns de euros. Ademais de iniciarse, dentro dunhas semanas, a contratación da redacción do proxecto do treito que resta por executar da variante leste da cidade de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com