" />

Baile de máscaras

Agás no rural profundo, a mascariña é Lei, e quen non a use incorre en falta, podendo ser chamado á orde pola autoridade e                  reprendido por calquera.

Que lonxe o tempo no que se viamos unha mascariña ou era un cirurxián ou un turista oriental protexido de ameazas das que os occidentais non sabíamos nin temíamos. Pois de Oriente veu o problema, e se alí estaban preparados para algo así, nós non o estamos nin un ano despois, sabendo tan só que o contaxio se transmite polo aire, e que as autoridades foron facéndose algo máis competentes cada vez, dispoñendo normas segúndo ían sabendo o que pasaba.

Seguen os medios contando puntualmente avances ou retrocesos do virus en cada concello, comunidade ou estado, e cada semana os expertos abren ou pechan invisibles portas que permiten que nos asomemos ao exterior ou nos conformemos só con respirar; desfrutemos cando os bares abren aínda que sexan unhas horas, e case cheguemos a ignorar que existe un toque de queda diario, e cambiemos de hora sen cambiar de peche, co perigo de aceptar como normal a situación máis anormal que pode existir. O último que soubemos, coidando inicialmente ser unha broma por relacionalo cos capuchóns de Semana Santa, é que imos ver con mascariña aos que toman o sol ou aos bañistas.

Xa nin se cavila nese futuro no que as fábricas de mascariñas seguirán activas pero necesitaremos moitas máis industrias. E só consola pensar que nós, tan imprevisibles, aínda somos recuperables se algún día esquecemos a mascariña e saímos da casa sen ela. Se podemos esquecernos da mascariña, e a min pásame ás veces,  é que aínda temos futuro.

Xulio Xiz

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo