Balseiro: “Fomento e Concello non teñen intención de facer a Intermodal, máis alá da presentación”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que non existe “intención real” de facer a estación intermodal de Lugo, “máis alá da presentación dunha maqueta e do vídeo da futura infraestrutura” que tivo lugar o pasado luns.

Balseiro lamenta que o Ministerio de Fomento decidise unilateralmente rachar unha traxectoria de colaboración de moitos anos coa Xunta para impulsar as intermodais na nosa comunidade, e que permitiu pór en marcha as estacións de Santiago, Ourense e Vigo a pesar das diferencias políticas e das múltiples dificultades dun proxecto desta envergadura.

Desde a Xunta, lembran que as estacións intermodais son proxectos conxuntos que obrigatoriamente deben consensuarse entre todas as administración implicadas (Xunta, Goberno central e administración local) e ata o momento sempre se seguiu unha folla de ruta que pasa por acordar os deseños, acordar o financiamento, acordar a solución urbanística e despois presentar o proxecto ao público.

“Nesta ocasión o Ministerio de Fomento fixo ao revés. E o resultado é que se presentaron infografías dunha estación intermodal sen consensuar, sen plan de financiamento e sen solución urbanística”, asegura o delegado.

Con todo o Goberno galego quere seguir traballando para que Lugo teña a mellor intermodal, “como o resto de cidades” e nesa liña avanzan que a intención do Executivo autonómico é licitar xa a redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses “e a presentación do pasado luns xera dúbidas que debemos resolver”.

A Xunta ten previsto dirixirse no día de hoxe ao Ministerio de Fomento para pedirlle que aclare como vai ser o reparto de obras e financiamento do proxecto que presentaron e como se vai solucionar o tema urbanístico. “Porque ese proxecto, ata onde sabemos, non ten encaixe no actual PXOM e non entendemos como van poder empezar as obras o vindeiro ano. É algo que tamén lle afecta á estación de autobuses e necesitamos sabelo”-concluíu o delegado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com