Balseiro presenta á Federación de Veciños o proxecto da Rolda Leste

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión con representantes da Federación Provincial de Asociacións de Veciños, co obxecto de presentar o proxecto construtivo da segunda fase da Rolda Leste de Lugo, un compromiso que desde a administración autonómica adquiriron en anteriores xuntanzas con este colectivo veciñal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade completou a redacción deste documento técnico, que deseña unha nova vía, coas mesmas características de autovía urbana do treito xa en servizo, e cunha lonxitude de 2,84 quilómetros. Esta segunda fase correspóndese co treito comprendido entre a glorieta de intersección coa estrada LU-530 (Lugo- A Fonsagrada) e a glorieta da Tolda de Castela. Ademais, esta última rotonda permite a conexión da Rolda Leste coa estrada N-VI, coa LU-11 e coa avenida de Madrid.

O investimento previsto no documento técnico para a execución destas obras supera os 22 millóns de euros, aos que habería que engadir entre dous e tres millóns de euros adicionais para as expropiacións que sexan necesarias. Unha das características a destacar é que o trazado previsto, nesta segunda fase, non afectan a ningunha vivenda.

Balseiro sostivo que completar a redacción deste documento técnico “é un avance significativo, un paso esencial para seguir traballando no proxecto”. Con todo, quixo aclarar tamén que os orzamentos da Xunta, aprobados recentemente no Parlamento galego, non contemplan para o ano 2019 unha partida orzamentaria concreta para acometer estas obras.

“O ano que vén, desde a Xunta, decidimos dar prioridade a outras actuacións na cidade de Lugo, como son o proxecto do novo barrio da Residencia (centro integral de saúde, demolición do xeral, centro de emprego e formación, aceleradora aeronáutica, nova residencia), a obra de desdobramento do corredor Nadela-Sarria, completar o equipamento do auditorio ou acometer a construción do novo colexio Sagrado Corazón, por citar só as de maior contía, e todas elas máis avanzadas”.

“Sorprende que outras administracións, moi dadas a poñernos deberes, tan só teñan no seu haber obras de menor contía e envergadura, como é o caso da Deputación, co paseo do Rato aínda sen iluminar, ou o Concello, no que a obra rematada de maior relevancia foi a humanización do parque en Agro do Rolo, cun investimento de 223.000 euros, moi inferior aos proxectos que executa a Xunta”

O encontro tamén serviu para avanzar as principais características técnicas do proxecto da segunda fase da Rolda Leste de Lugo. Contará cunha plataforma de 24 metros, dous carrís por calzada de 3,50 metros cada un, beiravías exteriores de 2,50 metros, beiravías interiores de 1,50 metros e unha mediana de 2 metros, con barreira ríxida de formigón.

Por outra parte, cabe destacar como unidades de obra máis singulares a construción dun paso inferior fincado baixo o ferrocarril Madrid- A Coruña, e dous viadutos: no entorno do núcleo de Rosende de Abaixo e outro sobre o río Rato, de aproximadamente 200 metros de lonxitude.

O delegado territorial avanzou tamén que a planimetría que resume os aspectos básicos deste proxecto construtivo está desde hoxe mesmo a disposición da veciñanza no vestíbulo principal da Delegación territorial da Xunta en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com