Balseiro solicita unha reunión con Lara Méndez para “concretar a cesión” do Auditorio

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, vén de remitir unha carta á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na que lle solicita unha entrevista “á maior brevidade posible” para concretar os pasos a seguir e facer efectiva a cesión e entrega do novo auditorio a favor do Concello de Lugo.

Balseiro explica que a Xunta xa cumpriu todos os compromisos adquiridos no convenio de colaboración asinado entre ambas administracións e, polo tanto, “non ten sentido seguir demorando este trámite“, pois tan só resta a recepción polo Concello de Lugo das novas instalacións culturais de Fingoi.

O delegado explica que xa remataron as xornadas de formación sobre o manexo do equipamento escénico do auditorio, unha tarefa que correspondeu á empresa subministradora dos equipos e na que participou o persoal técnico designado con ese fin pola administración local.

Tamén, desde finais do ano pasado, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, fixo efectiva a recepción das obras de equipamento que complementan ás de construción do novo auditorio executadas tempo atrás co financiamento íntegro da Xunta de Galicia.

Balseiro insta a ser áxiles neste último trámite e sinala que como acontece en todos os grandes proxectos, resulta imprescindible a colaboración institucional que, neste caso concreto e tal e como establece o convenio vixente, implica que o Concello debe facerse cargo das novas instalacións xa equipadas.

De cumprirse este último trámite, Lugo podería contar coa que aspira a converterse na principal infraestrutura cultural da cidade e da provincia, e unha das máis importantes no conxunto de Galicia e de España, tanto pola súas características como polo investimento realizado, que supera os 22 millóns de euros.

O novo auditorio de Lugo, aspira a revolucionar a axenda cultural da cidade, ata o punto de que ten capacidade para albergar 1200 persoas, que poderán facer realidade un Lugo de congresos e de concertos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com