Besteiro afirma que as políticas socialistas foron as impulsoras da política industrial e dos sectores estratéxicos da zona sur

O secretario Xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro acompañado do Secretario Provincial Juan Carlos González Santín e os deputados Vicente Docasar e Margarita Pérez Herraiz  destacaron este luns en nunha viaxe por diferentes municipios da Ribeira Sacra, onde se reuniron con empresarios de Chantada e con representantes do sector vitivinícola de O Saviñao, “a importancia de que o Partido Socialista goberne nos concellos para continuar mellorando a economía local”, pois tal e como afirmaron, “demostramos que se pode facer política industrial dende os concellos e tamén dende a Deputación”. Proba diso, é a ampliación do polígono chantadino, que foi sufragada polo organismo provincial e “coa que cubrimos unha necesidade que tiña Chantada e a comarca”.

Deste xeito, o líder dos socialistas galegos encabezou a visita realizada ao polígono industrial chantadino; “unha infraestrutura que hoxe é unha realidade grazas ao esforzo realizado durante a época na que este concello estivo gobernado polo PSOE; cuestión que demostra que os socialistas sabemos xestionar ben, e iso nótase con actuacións coma esta”.

Coa visita realizada polo máximo dirixente do PSdeG, os socialistas respaldaron a candidatura que encabeza Raquel López Rodríguez, e que xa foi presentada por Gómez Besteiro no mes de abril, e que “combina renovación, coa experiencia da xente que demostrou facelo ben cando tivo responsabilidades de goberno”.

Logo do encontro en Chantada, os socialistas, a instancias do candidato á alcaldía de O Saviñao –Celestino Rodríguez Pombo- tamén trasladaron o seu compromiso aos viticultores da Ribeira Sacra, pois, malia ser este un sector estratéxico para a economía local, “adolece de axudas do Executivo galego que garantan, sobre todo, a súa externalización e o relevo xeracional”.

Gómez Besteiro e a comitiva, acompañados do alcaldable e de varios integrantes da candidatura que lidera Rodríguez Pombo, ademais de comprobar in situ como é o traballo destes profesionais na destilería da Abadía da Cova e na adega Virxe dos Remedios -esta última situada en Diamondi-, atenderon e respaldaron as principais demandas do sector, ao tempo que lles explicaron o traballo que o Partido Socialista vén facendo dende eido.

Concretamente, no Parlamento de Galicia, a través das iniciativas presentadas polo deputado autonómico –Vicente Docasar-, o Grupo do PSdeG pediu ao Goberno galego o desenvolvemento dun plan de actuación específico para esta zona. En primeira instancia, a potenciación da venda do viño da D.O Ribeira Sacra “fóra das nosas fronteiras”, pois, segundo datos oficiais, co 1,4%, é a denominación galega que menos volume de facturación acadou no estranxeiro na pasada campaña. No primeiro lugar, situouse a D.O Rías Baixas (30%), seguida da de Monterrei (12,1%), Valdeorras (9,7%) e o Ribeiro (7,7%).

Por último Gómez Besteiro  participou este seran nun mitin en Monforte no que afirmou que o PP “é un perigo para o público” e “non se pode manter nas institucións por máis tempo a quen fai un uso indebido dos recursos públicos”, polo que animou a votar ao PsdeG “para gobernar pensando nos cidadáns”, con José Tomé Roca como única alternativa sólida “nun concello cun dos gastos sociais máis baixos por habitante”, dixo. “A dereita non é de fiar á hora de xestionar o diñeiro de todos”, incidiu Besteiro.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com