Caballero na Fonsagrada: “Feijóo prometeu que esta será a lexislatura do rural, pero abandonouno”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A Fonsagrada en compañía do alcalde, Carlos López, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, dos alcaldes socialistas de Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Pedrafita, así como de deputados nacionais, autonómicos e provinciais, e outros cargos socialistas.

Dende alí, o líder dos socialistas galegos puxo o foco na importancia do rural, que precisa de “apoio” por parte da Xunta, e lamentou a desatención nestes 11 anos de Feijóo. “Prometeu que esta sería a lexislatura do rural, pero abandonouno e recortoulle servizos”, denunciou.

“O balance de Feijóo é fondamente negativo na Galicia rural: menos poboación, peores servizos sociais, menos actividade económica, menos posibilidade de futuro para a xente moza”, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, apuntando que a diagnose é “moi preocupante”.

Fixo referencia así Gonzalo Caballero aos recortes, por exemplo, no eido sanitario, exemplificado no peche do paridoiro de Verín, onde aínda hai dous días produciuse un novo parto de urxencia. “É un caso que está dando a volta a toda España e millóns de cidadáns están coa boca aberta escoitando como Feijóo recorta, desfai e pechaservizos sanitarios”, subliñou.

“Sabemos que Galicia necesita un cambio, porque é necesario mudar ese abandono do rural”, incidiu Gonzalo Caballero, antes de anunciar que o vindeiro sábado haberá unha nova xornada de traballo do IdeaGaliciaLab centrada nas especificidades do eido rural. Terá lugar en Ourense e servirá, como dixo o secretario xeral, “para recoller o mellor coñecemento e as mellores solucións para a Galicia do medio rural”. “Nós comprometémonos a que un goberno na Xunta liderado polo PSdeG abrirá unha nova etapa de políticas de medio rural que poñan os servizos sociais, a actividade económica e as necesidades dos veciños como eixo central para traballar polo futuro“, asegurou.

De feito, o candidato socialista á Presidencia da Xunta puxo en valor que “onde a Xunta non chega, están os alcaldes socialistas resolvendo os problemas do país”, en relación aos rexedores de Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, e outros que estiveron presentes na xuntanza.

Pola súa banda, o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, agradeceu a visita do secretario xeral e “o seu interese no rural”, onde fan falla “medidas para que a xente poidan vivir”.

O PP pide “respecto”

O PP de Lugo pídelle ao Partido Socialista “máis respecto” e que non volva a empregar unha administración pública para facer actos de partido. Así o indican logo de que o secretario xeral dos socialistas galegos acudise a Fonsagrada para manter nas dependencias do propio Concello un encontro de carácter partidista e con membros desta formación.

“Entendemos que os medios públicos non son nosos e non poden usarse para intereses políticos. Parece mentira que o Sr. Caballero e o resto de socialistas se presten a este tipo de actuacións”, sobre todo, indican, porque o responsable do PSdeG non ten ningunha responsabilidade gobernamental que o avale para facer un encontro deste tipo en ningún lugar de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com