" />

Caballero: “Vai haber cambio político o 5 de abril, o PP está pechando un ciclo”

Cada día que pasa o vento de cambio sopra máis forte, vai haber cambio político en Galicia a partir do 5 de abril”. Así de esperanzado amosábase onte o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, durante unha visita á cidade de Lugo na que presentou a Patricia Otero, actual secretaria provincial do partido, como cabeza de lista pola provincia nas vindeiras eleccións.

O socialista sinalaba que o PP de Feijóo “está pechando un ciclo” ante unha “maioría social progresista” que trae “os deberes feitos”. “Temos unha magnífica candidatura aquí na provincia de Lugo”, resaltaba Caballero sinalando a Patricia Otero, Luis Álvarez e Rosana Rielo nos tres primeiros postos da lista socialista luguesa ao Parlamento.

Caballero amosou na tarde de onte o seu “compromiso claro coas políticas sociais” e aproveitou para anunciar que “o goberno progresista que saia das urnas o 5 de abril” axilizará os expedientes da dependencia e garantirá que a concesión das axudas sexa “inmediata” en canto se recoñeza o dereito. “Non pode ser”, dixo Gonzalo Caballero, que haxa persoas co dereito recoñecido e que agardan pola prestación ou servizo “meses ou anos”, ou que algúns incluso non o reciban ata o seu falecemento.

Ademais, o candidato socialista avanzou que realizará unha planificación estratéxica encamiñada a incrementar as prazas en residencias para maiores e centros de día. Trátase, engadiu, de acabar co déficit que existe en Galicia de 15.000 prazas de residencias para maiores, segundo os baremos da OMS. Así é que “cada Consello da Xunta” a partir do 5 de abril amosará o compromiso co incremento de prazas públicas a través dun plan de acción en favor da atención aos maiores. Ademais, prometeu, estudaranse fórmulas de cooperación nos casos nos que sexa necesario, a fin de garantir o servizo.

Tras amosar o “compromiso claro” do PSdeG coa atención aos maiores, o candidato socialista contrapuxo estas propostas en positivo co resultado de 11 anos de goberno de Feijóo nos que “non cumpriu coas necesidades de prazas de residencias públicas en Galicia”.

Fronte ao retroceso laboral, ao abandono do medio rural, fronte a eses datos demográficos e aos recortes sociais e sanitarios”, recalcou o candidato socialista, “vimos coas pilas cargadas, cos deberes feitos e preparados para darlles esperanza aos que queren unha Galicia mellor”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo