Café Society

Se algo se pode dicir do traballo dun director como Woody Allen é que rebosa, ante todo, personalidade. Todo o seu cinema está revestido dun toque tan particular que é imposible non recoñecer o selo do seu autor en todas e cada unha das súas películas. Isto, por suposto, podemos tomalo ben como unha calidade ben como un defecto. Iso déixoo a criterio de cada un.

O que si está claro é que cando entramos ao cinema sabemos de antemán o que imos ver: personaxes inseguros, diálogos punzantes, humor irónico e pesimismo existencial. E xa sexa polo seu talento ou pola súa traxectoria (e, por que non, o feito de chamarse Woody Allen) chegamos a unha situación no que todo isto resulta difícil tomalo non tanto como inmobilismo ou falta de ideas senón como unha decisión de estilo ou (unha vez máis) un selo de autor.

Café Society trata, como case sempre, o seu tema fetiche: as relacións amorosas. Neste caso a historia enmárcase no Hollywood dos anos 30. O mozo Bobby Dorfman (Jesse Eisenberg) mudase a Los Ángeles e acode ao seu tío, o exitoso produtor Phil Stern (Steve Carell) en busca dun futuro prometedor dentro da industria do cinema.

Non pasará moito tempo ata que se namore perdidamente da súa secretaria Vinnie, interpretada magníficamente por Kristen Stewart (os memes da internet mofándose do seu, aparentemente, limitado rexistro interpretativo proliferaron moito os últimos anos pero a realidade parece ser unha ben distinta). Con todo estes dous últimos levan xa un tempo véndose en segredo, o que dá lugar, unha vez máis, a un triángulo amoroso. Nada novo baixo o sol. A expectación pasa por ver onde nos leva esta vez.

Os temas non parecen ser tampouco nada novo: a tristeza no desengano, os esforzos para deixar atrás o pasado sen necesariamente sabelo superar? O pesimismo é algo que parece case inherente ao cinema de Allen pero sempre resulta interesante a óptica dende a que nolo fai mirar.

É un pesimismo asumido pero non por iso derrotista. Unha vez lin unha entrevista a Nacho Vegas na que dicía que tiña que haber un punto de esperanza mesmo no pesimismo, que tampouco é necesario regocixarse no fracaso. Quizais estou equivocado pero paréceme que dalgunha maneira esa é a filosofía que vaga ás veces por esta película. Ao fin e ao cabo os seus personaxes, igual que nós, só tratan de saír adiante. E o que máis me fascina aquí é como a cinta fai humor diso.

Vou facer un inciso aquí: gústame o humor de Woody Allen. Resulta evidente que gran parte da súa fama pasa por ser un magnífico dialoguista e que probablemente o máis distintivo do seu cinema sexan esas conversacións tan áxiles e afiadas durante as que non podes despegar a vista da pantalla, pero creo que Allen é capaz de facer humor a moitos máis niveis.

A atmosfera cómica que invade cada escena das súas películas está sempre tan presente que ás veces o único que podes facer é sorrir como un idiota mentres ves falar aos seus personaxes, coma se estiveses a esperar o clímax dun chiste que nunca chega. E a maioría das veces non chega porque iso que estás a ver é o chiste.

Allen consegue extraer humor das situacións, e é algo que valoro moito, porque facer humor dos diálogos convérteche nun gran guionista pero facelo de ambas as cousas considero que che converte, ademais, en un gran director.

En Café Society isto está levado á súa máxima expresión. A película (e ti con ela) divírtese e recréase no sufrimento das personaxes e na tristeza das situacións, pero non dunha maneira despectiva; nin sequera cínica. É fascinante como Allen consegue unha complicidade tan grande co espectador como para rirse contigo da traxedia sen ningún ápice de desdén. Sinala aos seus personaxes co dedo e rise deles como dicindo “mira, vaia par de idiotas” pero engadindo un “poderiamos ser perfectamente nós dous”.

Esta non é a súa mellor película; tampouco a peor. Non considero necesario profundizar moito máis nela porque non deixa de ser unha revisión máis a unha fórmula que xa vimos moitas veces. Poderiamos falar de como algunhas escenas ou conversacións desfilan ante o espectador sen ningún sentido aparente, ou de como non resulta excesivamente estimulante nin inspiradora.

Pero tamén de como a dirección artística e a fotografía de Storaro resultan tan evocadoras que falan por si soas á hora de recrear os anos 30 e o art déco, ou as súas fabulosas interpretacións (mención especial a Eisenberg, que sempre me gustou pero nunca crin que encaixase dunha maneira tan natural no tipo de papel que máis lle gusta a Allen: no que se reflicte a si mesmo). Lembraremos Café Society dentro duns anos? A quen imos enganar, probablemente non. É o suficientemente disfrutable? Na miña opinión, desde logo.

En definitiva: unha parte do público que está familiarizado con esta forma de facer cinema sairá da sala decepcionado, coa sensación de que o estilo do director permanece inamovible. A outra parte dese mesmo público sairá encantado exactamente polo mesmo.

Sobre os novos (se é que hai algún) non me atrevo a aventurarme. Con todo, creo que todos os amantes da sétima arte deberiamos estar agradecidos de que un director con tanto talento siga exercendo a pesar de cumprir xa os 80 anos e siga facéndoo ofrecéndonos obras tan notables como esta.

Miguel García Otero.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo