Camiñando por Lugo…

O martes, pola mañá, atopeime dous turistas arxentinos na porta da Ruanova, que preguntaban infrutuosamente polo acueduto romano de Lugo. Xa que ningún dos viandantes parecía poder infórmalos, achegueime a eles para saber exactamente que buscaban e ensináronme un plano da cidade no que figuraba un resto arqueolóxico diante do edificio da Deputación en San Marcos, que ata daquela non deran atopado.

Comenteilles que eran restos do acueduto romano, reutilizado no século XVIII para conducir a augas á cidade desde a zona da Piringalla onde aínda agora se atopan os depósitos de auga para o abastecemento, ata as fontes públicas da cidade; restos que unha vez rescatados en parte se mostran ao público nunha fiestra arqueolóxica, como a que hai na Ruanova.

Para ensinarlles como era, achegueime con eles á fiestra que hai ao pé da Porta da Muralla, que deberá deixar ver o basamento da primeira muralla que non coincide alí co trazado actual. Non foi posible velo porque o cristal estaba totalmente opaco, e non permitía distinguir nada do que hai no interior.

Orienteinos cara a San Marcos para que puideran contemplar o desexado acueduto, lamentando que o sistema das fiestras arqueolóxicas funcione tan mal que nalgúns casos o fai practicamente inútil. E achegueime despois á rúa do Doutor Castro, para ver se se contemplaba axeitadamente o resto do mosaico romano de Batitales, esa xoia conservada no seu lugar orixinal que é posible ver a través duns cristais que poden ser moi seguros e non esbaradizos pero que de ordinario compren mal a súa función, e o martes non a cumprían para nada xa que, non sei por que motivo, non se podía contemplar nada ao seu través.

Nun tempo de visible incremento do turismo en Lugo, é perfecto que unha cidade na que asoma o pasado romano ao mover calquera pedra, se conserven restos “in situ” e se permita a súa contemplación, con un sistema adecuado, pero o actual sistema, nos dous lugares mencionados, ven resultando manifestamente inútil, mentres si funciona adecuadamente o existente na Praza de Santa María para contemplar a vella piscina romana.

Alguén no concello debe tomar nota desta carencia, e procurarlle inmediata solución.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com