Campaña de control de velocidade en estradas convencionais e vías urbanas de Galicia

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Dirección Xeral de Tráfico inicia mañá unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais e nas vías urbanas. Esta iniciativa forma parte da programación anual da DGT e desenvolverase durante toda a semana, ata o próximo domingo día 26.

Estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico e os xefes de subsectores das catro provincias, os cales confeccionaron os percorridos para que o número de vehículos controlados sexa maior que o de campañas anteriores. A pesar de que o número de coches controlados pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil se incrementou nun 100% na última década, o obxectivo é conseguir unha maior redución da velocidade media e diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos.

Trátase de concienciar os condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes. E é que, a diferenza da incompatibilidade entre o alcohol e a condución, ou o uso do cinto de seguridade e do casco, que non son cuestionados, a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, e iso a pesar de que no 22% dos accidentes mortais en vía interurbana se apreciou a velocidade como factor concorrente. Polo tanto, levar unha velocidade axeitada podería evitar practicamente unha cuarta parte das mortes en accidente de tráfico.

En zonas urbanas a velocidade é igualmente determinante, por canto aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado, de aí a importancia da observancia dos límites. A partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 Km/h o risco se reduce ao 10%.

A esta incidencia negativa da velocidade na sinestralidade súmase a que ten sobre o medio, sobre a calidade de vida e o consumo de combustible. Todo iso fai necesario seguir incrementando os esforzos no control e a vixilancia desta.

Para a realización da Campaña que arranca mañá utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Así mesmo, sempre que sexa posible, tanto os paneis de sinalización variable coma as pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico que estean nas inmediacións, advertirán aos condutores da existencia próxima de controis.

En todo o territorio da DGT permanece unificado o albor da tolerancia co que actúan os radares: de 7 km/h para límites ata 100 km/h e do 7% para límites superiores, de maneira que o condutor coñecerá cual é exactamente a velocidade a partir da cal calquera radar denunciará. Isto non modifica en ningún aspecto o cadro de sancións e puntos a detraer por exceso de velocidade.

A Lei de Seguridade Vial e o Regulamento Xeral de Circulación fixan a normativa aplicable aos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. O incumprimento destas normas está tipificado como infracción grave ou moi grave, sancionadas con multas de 90 a 600 euros.

Na campaña específica de control de velocidade desenvolvida en Galicia dende o 18 ata o 24 de agosto de 2014, controláronse 74.619 vehículos e formuláronse un total de 2.862 denuncias, producíndose un terzo destas en fin de semana (de venres a domingo).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com