" />

Campos presenta ante o alumnado da EIS a Dani de la Torre como “exemplo de lucense que triunfa no mundo do cine”

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, e o director de cine monfortino Dani de la Torre inauguraron este xoves o curso 2015-2016 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual. No acto, que estivo aberto ao público, Campos destacou ante o alumnado a traxectoria de Dani de la Torre, “un lucense coma vós, que tamén estudou nunha Escola de Imaxe e Son e que está a ter moito éxito con El desconocido, a súa primeira longametraxe coma director”.

No seu primeiro acto oficial como Presidente da TIC, Campos afirmou que De la Torre “é un excelente exemplo de como con talento e traballo poden levarse adiante, desde Galicia, proxectos do máximo nivel internacional. Seguro que o camiño non foi doado, pero con esforzo acádanse moitos obxectivos”. Neste senso, apuntou que “esforzo e gañas de aprender é, precisamente, o que vos pedimos para que aproveitedes ao máximo este curso”.

Darío Campos anunciou que “a Fundación TIC seguirá dedicando parte dos seus esforzos económicos á gratuidade da matrícula da EIS, que xa o levan sendo 8 anos. Queremos que todos os mozos e mozas que teñan vocación e interese no mundo audiovisual poidan acceder a unha formación de calidade en igualdade de condicións. Dende a Fundación TIC, poñeremos a vosa disposición todos os medios necesarios, con docentes cualificados e técnicos docentes auxiliares, que aportan a súa experiencia profesional ”.

Dani de la Torre, que xa impartiu hai uns meses unha masterclass na EIS, expuxo a súa experiencia como realizador de diversos programas da TVG, e como guionista, montador e director de curtametraxes. Pero o encontro que mantivo co alumnado centrouse especialmente en El desconocido e proxectouse un vídeo de como se fixo. Esta película -con 2,5 millóns de euros de presuposto, rodada na Coruña, protagonizada polos galegos Luis Tosar e Javier Gutiérrez e producida por Vaca Films- é un thriller psicolóxico, trepidante, arriscado e tecnicamente moi complicado, coas últimas técnicas empregadas en Hollywood.

De la Torre é un director, realizador e guionista nacido en Monforte de Lemos en 1975. Dende 1996 traballa na Televisión de Galicia, onde actualmente é realizador de promocións, despois de ter dirixido programas nas áreas de deportes, cultura e lecer. Compaxina este labor coa dirección de curtametraxes, publicidade e videoclips. A súa exitosa traxectoria coma curtametrista permitiulle dirixir en 2010 a miniserie Mar libre galardoada en festivais tan prestixiosos coma os Houston ou Chicago. El desconocido supuxo o seu debut no formato de longametraxe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo