A mostra, promovida por Fonmiñá con motivo da XLVIII Semana de Cine de Lugo, repasa as dúas celebracións mediante paneis, fotografías e opinións
A exposición «Do Bimilenario ao Arde Lucus» pode visitarse na entrada da Biblioteca Provincial de Lugo ata o vindeiro 14 de outubro. Promovida por Fonmiñá con motivo da XLVIII Semana de Cine de Lugo, a mostra aborda o cincuentenario da celebración do Bimilenario da cidade e os vinte e cinco anos do inicio do Arde Lucus.
Cinco dos paneis están dedicados ao Bimilenario, mentres que outros seis recollen contidos sobre a festa de recreación histórica. Estes últimos reúnen vinte e cinco fotografías e outras tantas opinións de persoas de Lugo sobre o Arde Lucus, segundo a información facilitada pola organización.
A mostra inaugurouse o martes da semana pasada na Delegación Territorial da Xunta de Galicia. O acto coincidiu coa recepción dunha delegación do Festival de Cine de Astorga, irmandado coa Semana de Cine de Lugo, e contou coa participación de representantes das agrupacións romanas e castrexas do Arde Lucus. Posteriormente, a exposición trasladouse á Biblioteca Provincial.
A proposta complétase cun catálogo que, segundo Fonmiñá, reproduce os doce paneis da exposición e se entregará ás persoas que a visiten.






