Hai cousas, ou, mellor dito, comportamentos, aos que non me acostumarei na vida, teño que recoñecelo, e entre eles está esa “barra libre”, tristemente xa normalizada, de insultos, faltas de respecto e mesmo ameazas que cada día lemos en moitos medios de comunicación e en redes sociais, e que moitos e moitas, principalmente aqueles que mais a practican, chaman “liberdade de expresión”, vertendo todo o seu lixo enriba do verdadeiro significado deste concepto.
A semana pasada, foi unha das que nos deixou, por desgraza, numerosos exemplos do que acabo de dicir, e voume remitir a un dos mais recentes.
Informaban, nos xornais locais, do falecemento dunha muller tras caer, de madrugada, desde o adarve da muralla.
Evidentemente, tal como ademais informou a policía, non se coñecían as causas desta caída, malia que todo apuntaba a un desgraciado accidente, e, en todo caso, era a eles aos que lles correspondía investigalas.
Pois ben, desde o primeiro momento no que se coñeceu esta noticia, daba verdadeiros arrepíos, por non dicir auténtico noxo, ler os comentarios que se facían ao respecto da pobre muller.
Que se ía borracha, que seguramente se metera de todo, que fora un suicidio, que se a empurraran, que a saber o que había detrás desa morte, que lle estaba ben por subir a muralla, e, por suposto, a pregunta de rigor que xa se puxo de moda, a de “Nacionalidade?”, porque esa é outra, xa chegamos a un borreguismo de tal calibre que, cando un estribillo se pon, como dixen, de moda, toca soportalo unha e outra vez, malia que as veces moitos dos que o soltan non saben nin o que están a dicir.
De todo se dixo da pobre rapaza, sen saber, obviamente do que se estaba a falar.
Pero, polo visto, non abondaba con isto.
O colmo da crueldade xa foi a dos que gravaron un vídeo da caída, que, segundo din, circula polas redes sociais. Non se pode caer mais baixo.
Pero non é este, por suposto, o único caso, nin moito menos.
Abonda con ler os comentarios acerca de calquera noticia.
Ante calquera manifestación de desacordo, choven os insultos e as descualificacións mais groseiras, tanto os referidos a propia noticia como os cruzados entre os propios “opinólogos”que, ante a mínima discrepancia que calquera deles manifeste, nunca falta quen se lles lance enriba coma auténticos cans de presa soltando toda clase de burradas e improperios e agresións verbais.
A min mesma me tocou padecelos hai algún tempo, por manifestar o meu desacordo cun programa de Tv. e non quero nin recordar o calvario que me fixeron vivir……De todo me chamaron, pero non foi soamente iso, se non que houbo quen mesmo non dubidou en sacar a meu fillo a colación, para compadecelo por ter tan mala nai, e, por suposto, non faltaron as ameazas, ata o punto de que a propia policía me advertiu de que, de continuar, habería que tomar medidas.
O que non acabo de entender, será que son moi curta, é por que os medios lles dan pulo a estes “comentarios” .Tantos lectores ou seguidores lles xera?.
Porque, a lo menos na miña opinión, o único que fan é alimentar o odio, as faltas de respecto e da máis elemental educación, e, desde logo, non aumentan o prestixio do medio.
Como, así mesmo, tampouco me parece en absoluto correcto o que estamos a ver nestes días, pechando os comentarios como os que eu estou a describir vertidos sobre certos políticos, e non polo feito en si de pechalos, se non porque, se aplican esa norma, que o fagan para todo o mundo, non soamente para eles, por moi “VIP “que sexan.
Todos temos dereito a ser respectados, como persoas que somos, sexamos ou non políticos.
Marta Rodríguez Engroba


