Carta de Si, hai saída á ministra de Traballo

A Asociación Si, hai saída remite un escrito a Ministra de Traballo no que solicita a posibilidade de capitalizar a prestación por desemprego para facer fronte a situacións de emerxencia.

Lugo, a 10 de Xuño de 2024

Desde a Asociación Si hai saída contra a violencia de xénero, vimos de dirixir un escrito a Ministra de Traballo e Vicepresidenta Segunda do Goberno, Dona. Yolanda Díaz, no que solicitamos que se considere a posibilidade de capitalizar nun único pago a prestación por desemprego para facer fronte a situacións de emerxencia, como poden ser o risco de desafiuzamento, cortes de subministracións básicos (luz, gas…..), e, en xeral, todas aquelas situacións sobrevidas pola situación de desemprego das persoas afectadas, que sen contar con mais ingresos que estas prestacións, en moitos casos claramente insuficientes para levar unha vida digna, xa que moitas delas apenas superan os 400 €, abocan a estas persoas a unha situación de pobreza, de extrema vulnerabilidade, e de exclusión social, e entre as cales se atopan, por suposto, moitas vítimas de violencia de xénero.

Na actualidade, como todos sabemos, esta capitalización soamente se pode solicitar cando a persoa vaia a emprender un negocio, unha iniciativa que pode ser, efectivamente, unha saída laboral, especialmente para aquelas persoas que por razóns como pode ser a idade, vexan moi reducidas as súas posibilidades de atopar un emprego e reincorporarse así ao eido laboral, pero que contan con outra serie de recursos, ou cun colchón económico que lles permiten facer fronte as súas necesidades básicas.

Non sendo así, é, absolutamente ilóxico que alguén que vai perdelo todo e se vai ver na miseria mais absoluta, tendo mesmo en moitas ocasións outras persoas ao seu cargo, como poden ser fillos menores, algo, repetimos, que sucede con numerosas mulleres vítimas de violencia machista, se lles negue tal posibilidade, e se lles brinde, sen embargo, a alternativa de iniciar un negocio cando non poden pagar o aluguer da súa vivenda, as facturas da luz, ou dar de comer aos seus fillos, tendo en conta, ademais, que estamos a falar duns cartos que non son unha esmola, se non que son seus, que lles pertencen xa que durante o seu período laboral lles repercutiu nas súas nóminas.

Unha vez mais, lamentamos ter que dicir, que nos atopamos ante un sistema totalmente deshumanizado, alleo a problemática real da nosa sociedade, e con normas que, ou ben son xa obsoletas, ou totalmente ilóxicas, como nos casos aos que nos estamos a referir.

Non é de recibo que un organismo como é o SEPE, que todos e todas contribuímos a manter cos nosos impostos e co que cada mes nos retiran das nosas nóminas, dispoña ao seu antollo dos nosos cartos, cando se poderían paliar moitas situacións de auténtica emerxencia sinxelamente facilitándolles as persoas afectadas o acceso a uns fondos que, non o esquezamos, por dereito lle pertencen, ou que, dito doutro xeito, que nun pais no que tanto se fala de inclusión, de protección aos mais vulnerables, de medidas sociais, se lles negue as persoas mais vulnerables o que é seu, condenándoas a miseria mais absoluta.

Unha vez mais, desde Si, hai saída, reclamamos e apostamos por SOLUCIÓNS REAIS, deixando de lado os discursos e as “accións” oportunistas e sensacionalistas que tan so benefician a aqueles e aquelas que os utilizan para o seu lucimento persoal e para o seu beneficio, pero que contribúen a seguir afundindo a quen mais axuda precisa, privándolles, ademais, do que é seu.

Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com