" />

Casa da cultura Manuel María

Boh, política política! dicía a canción ‘Obama’ do rapeiro galego García MC. E a política foi quen de impedir que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome do máis ilustre poeta chairego na capital da comarca. A casa da cultura, que mudou os usos da antiga cárcere construída no século XIX para lugar de cultura, simboliza tamén canto arelaba o autor do poemario Terra Chá, un mundo que mude a represión pola liberdade e a cultura. O mundo cultural e a sociedade galega no seu conxunto teñen recoñecido a Manuel María coa dedicatoria das Letras Galegas en 2016 e a súa obra é unha embaixadora de Vilalba e da Terra Chá no mundo.

Despois de tres lustros da proposta do IESCHA para dar o nome do bardo á Casa da Cultura Vilalbesa, houbo tempo para ter modificado o regulamento que requería dous terzos da corporación por maioría absoluta para acordar este ‘bautismo’. A negativa do PSOE a esa mudanza de urxencia, intuíndo as “escusa peregrina” do Partido Popular de non querer dar nomes de persoas a edificios públicos (eles mesmos deron o nome de Carmen Estévez ao auditorio), non é entendíbel xusto no pleno que debía aprobar este nomeamento.

Eu mesmo, vilalbés indíxena de Lanzós, farto de aclarar ao longo da miña vida que Vilalba iba máis aló das figuras de Manuel Fraga, Rouco Varela ou Naseiro, e que insignes nomes da Cultura como Chao Ledo, Agustín Fernández Paz, Chao Rego, Ramón Chao, André da Ponte, ou Manuel María  e tantos ilustres chairegos tamén formaban parte do ADN vilalbés, pensei que coa histórica mudanza das pasadas municipais tiñamos adiado esas vellas políticas. Lonxe desa percepción, levar a Manuel María a esta situación no lugar de honrar a Vilalba co seu nome na casa da cultura, retrotraenos a períodos predemocráticos nos que a política vai moi por detrás das aspiracións sociais.

Na Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e na NPG Nova Poesía Guitirica sabemos tamén da estreita amizade do Manuel co noso poeta Xosé María Díaz Castro, outro chairego honrado coas letras galegas en 2014 e que conta en Guitiriz co nome do Instituto de educación secundaria ademais de numerosos monumentos e que agarda pola restauración da súa casa natal no Vilariño. Ambos tíñanse mutua admiración e ambos honran á poesía chairega coa súa obra e o respecto e recoñecemento en toda Galiza e fóra dela.

Xa tarda esa mudanza do regulanento e a aprobación do nome do poeta para a casa da cultura. Equivocarse non ten importancia sempre que o erro sexa corrixido.

Manuel María non merece este despropósito e sí que o seu nome xere unanimidade, algo que non parece posíbel con un Partido Popular instalado en espazos ideolóxicos que o levan ao desprezo de figuras asumidas como propias por todo o país.

Fago unha chamada á reflexión e a chamar oficialmente á casa da cultura vilalbesa polo nome que xa ten asumido o conxunto da sociedade, MANUEL MARÍA.

A tradición literaria vilalbesa e chairega, a capitalidade política e territorial da Terra Chá, debe render ao poeta de Outeiro a homenaxe que merece e que a casa da cultura, referencia de tanta actividade ao longo dos anos sexa referencial no país tanto por acoller numerosos actos como pola honra de levar o nome do poeta que tanto amou a Vilalba. Tócalle agora a Vilalba corresponder ao amor do bardo rectificando, corresponder a unha demanda que se ten convertido nun clamor na cultura e na sociedade galega.

A xente da cultura xa ten adoptado o nome de Manuel María para ese centro independentemente da súa aprobación legal, borrar a vergoña do pasado depende de quen es representan a Vilalba no concello, fáganse un favor a vostedes e ao pobo que os escolleu e poñan a Manuel María no centro da cultura de Vilalba, será a constatación de que un cambio se ten producido na capital da Chaira, non facelo será unha decepción para aqueles que amamos Vilalba, a cultura e a poesía. Pasados os tempos do COVID19, agardo poder desfrutar de numerosos actos na Casa da Cultura MANUEL MARÍA de Vilalba, vémonos alí!

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo