CCOO e UXT reivindican a saúde laboral e a festa do emprego con dúas manifestacións

Os sindicatos lucenses Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT) reivindicarán unhas mellores condicións no traballo así como unha reducción da precariedade laboral co gallo do Día da Saúde Laboral que ten lugar mañá, e farano cunha concentración diante da Consellería de Sanidade, na rúa Montevideo. Asemade, o vindeiro luns 1 de maio, sairán as rúas ambos sindicatos para celebrar a Festa do Traballo. Así o informaron Jesús Varela e Angel Tomé, secretarios xerais en Lugo de CCOO e UXT, respectivamente.

Jesús Varela quixo resaltar a importancia destas dúas fechas, e centrouse no día de mañá, que o celebrarán cunha concentración ás 12 da mañá diante da Consellería de Sanidade en Lugo, reivindicando todas as medidas de seguridade precisas nos traballos, pois aseguran que a siniestralidade no traballo rexistrada no 2016 foi moi alta, “estamos falando de que en Lugo houbo 5 falecidos cando en Galicia houbo 24; por dar datos, no 2016 en Lugo houbo 62 accidentes graves e 5 mortais, mentres que no 2015 houbo 48 accidentes graves e 4 mortais; é unha cifra bastante negra”, os problemas que detectan ambos sindicatos son o aumento de precariedade, a falta de cultura preventiva, o aumento do escaso compromiso empresarial e o deficiente papel das mutuas ademáis da menor incidencia nas actuacións inspectoras de Traballo.  “Todas estas incidencias forman unha burbulla tan enorme que as veces rematan en que unha persoa morra no seu posto de traballo”, lamentou Varela.

O Secretario Xeral da Unión Comarcal de CCOO, resaltou que este repunte na siniestralidade laboral tamén é moi importante nas mulleres e que, segundo os datos, os cinco falecidos por accidentes laborais o ano pasado, traballaban no sector servizos o que, para os sindicatos, demostra que hai “unha gran precariedade no sector, unha precariedade que mudou, antes se falaba da construcción, da pesca… agora do sector servizos”.

“Este tema ten un calado de fondo moito maior do que comentamos, porque trala crise e trala baixada da actividade laboral, debería haber unha baixada da siniestralidade pero non é así”, explicou Varela quen quixo lembrar ao último traballador falecido por accidente laboral en Alcoa.

Por outra banda, o día 1 de maio e baixo o lema ‘Non hai excusas. Emprego estable, Salarios xustos, Pensións dignas, Máis protección social”, se reivindicará a Festa do Traballo cunha manifestación á que Ángel Tomé convidou a todo o mundo e que sairá da Casa Sindical ás 12:30 horas e recorrerá Lugo ata a praza Armañá. Tomé quixo resaltar o lema deste ano que anima a saír as rúas ” porque nós cremos que nunca tan distanciadas foron a macroeconomía e a economía doméstica dos traballadores. Énchense de decirnos que se sae da crise, que crece a economía e que se crea emprego pero os traballadores temos uns salarios mínimos,  as condicións laborais empeoraron dunha forma alarmante a causa das reformas laborais que nos impuxeron, sobre todo, a de 2012″.

O Secretario Xeral en Lugo da UXT, describiu o mercado laboral actual como “o mercado da precariedade” e resaltou que os contratos que se asinan “son temporais e, na gran maioría, a tempo parcial” e asegurou que para que suban os salarios e se melloren as calidades de emprego hai que derogar a Reforma Laboral, polo que convocou a toda a cidadanía a unirse á manifestación: “que de forma clara se visualice que estamos ahí, teñen que sentir o alento na nuca os políticos da situación real que se está a vivir dende a cidadanía, para que se movan”.

Ademáis da manifestación de Lugo ás 12:30 da mañá, o día 1 tamén haberá ás 12 unha manifestación en Viveiro que sairá tamén da Casa Sindical da localidade. Asemade, a UXT fará a súa tradicional ofrenda floral adicada, este ano, a José Rábade Arias, afiliado a UXT ata o día do seu pasamento e exconcelleiro de Lugo. A ofrenda será as 10:30 horas no cemiterio de Saavedra, en Begonte.

Máis manifestacións

Pola súa parte, a CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A CIG conmemorará esta data coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do país baixo o lema Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas. Na Provincia de Lugo haberá dúas manifestacións, a primeira, ás 12:00 horas, na capital e con saída da Casa Sindical; a segunda terá lugar en Burela ás 12:00h, con saída desde diante do local da CIG, na Av. Arcadio Pardiñas, 137.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo