Centos de persoas sumáronse á Quedada Reivindicativa pola Igualdade

Centos de persoas concentraronse este martes na Quedada Reivindicativa pola Igualdade de Xénero na Praza de San Marcos, que organizou a Deputación coa colaboración de Concello de Lugo e tecido asociativo da provincia, con motivo do Día Internacional da Muller.

No acto, estreouse o vídeo que a Fundación TIC realizou á Asociación Bonhomía, no que mulleres lucenses de todas as idades pronunciaron frases empregadas a cotío cun claro transfondo machista. Tamén se proxectaron imaxes da Campaña “Son Emprendedora”, que desenvolveu a Asociación Provincial de Empresarias de Lugo, e á que se sumaron máis de 200 mulleres de todos os sectores.

A Deputada de Igualdade, María Loureiro, foi a encargada de conducir a Quedada Reivindicativa e ler o manifesto. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como mulleres de Fademur e das asociacións de Empresarias da Provincia, Autónomas de Lugo, Enriqueta Otero, Viúvas, Acadar e Alume, descubriron unhas lonas dende o balcón do Pazo Provincial coa palabra IGUALDADE, que permanecerá colgada no Pazo de San Marcos durante toda esta semana.

 Manifesto

Hoxe conmemoramos o Día Internacional da Muller cun carácter festivo, pero cun fondo ton reivindicativo. É certo que, dende aquel 8 de marzo de 1857, cando un grupo de mulleres saíu ás rúas de Nova York para protestar polas súas condicións laboráis, conseguimos, afortunadamente, moitos avances. Pasaron xa 159 anos. Pero igual de certo é que, nos últimos anos, baixo a falsa escusa da crise económica, sufrimos un brutal retroceso dos nosos dereitos, e agudizouse a nosa situación de precariedade e desigualdade. Disparáronse todas as brechas de xénero. Houbo un retroceso nos nosos dereitos laborais, recortes e privatizacións, que afectan, directamente, ás mulleres.

En primeiro lugar, tristemente temos que falar da violencia machista; unha lacra que non cesa. 64 mulleres foron asasinadas polas súas parellas en España o ano pasado. No que levamos de 2016, as vítimas de violencia machista ascende xa ás 11, o doble que o ano pasado nestas mesmas datas. 2 foron galegas, 1 veciña de Becerreá.

Basta xa! Esta dramática cifra non pode seguir medrando. Por iso, esiximos un Pacto Institucional, Político e Social contra a violencia de xénero, que sexa capaz de erradicar a manifestación máis extrema de desigualdade.

No eido laboral, as mulleres levamos, sempre, as de perder. As nosas remuneracións son un 24% inferiores ás dos homes. Temos que traballar 79 días máis ao ano para cobrar o mesmo. É necesaria unha Lei de Igualdade Salarial que rache con esta brecha do 24% que, en Galicia, aínda supón peores rendas polos salarios e condicións laborais inferiores ás da maior parte do Estado. É preciso un Pacto de Xénero que supoña o recoñecemento equilibrado entre homes e mulleres en todos os ámbitos.

Necesitamos un sistema co-educativo que garanta a igualdade entre os sexos en todos os niveis (dende infantil ata a universidade); que incorpore os intereses, os coñecementos e a historia das mulleres no currículum.

Reclamamos, por enésima vez, que se garanta a nosa liberdade de elección sobre a maternidade; e que se recoñezan os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Esiximos o noso dereito a elixir se queremos ser nais, e tamén a non selo; así como uns recursos públicos de calidade e axeitados para poder facelo.

Hoxe, máis que nunca, tamén queremos reivindicar o feminismo, pois foron moitos os intentos de eliminar a súa consistencia ideolóxica e de tradición política e intelectual, así como a súa longuísima loita social. O feminismo non se trata de facer máis forte ás mulleres, porque xa o somos. O feminismo consiste en cambiar a forma na que o mundo percibe esa forza.

Temos que ter claro que ningún país pode acadar o seu esplendor ata que as mulleres poidamos desenvolver as nosas potencialidades ao máximo. Polo tanto, este martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e todos os días, pedimos que o homes teñan os seus dereitos, e non máis. E que as mulleres teñamos os nosos dereitos, e non mesmo. Reclamamos, en definitiva, IGUALDADE.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com