Cidadáns pide ao Concello que avance cara a peonalización da Rolda e o PP lamenta a improvisación

O grupo municipal de Cidadáns pide ao goberno municipal que “dea máis pasos que vaian encamiñados a avanzar cara a peonalización da Rolda da Muralla”. A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, considera “insuficientes” as medidas adoptadas polo Goberno socialista e que se comezarán a implantar a partir de hoxe, “non chega con cambiar os sinais de 50 da Ronda por sinais de 30, porque cambiar simplemente o límite de velocidade sen tomar outro tipo de medidas complementarias o único que vai facer é aumentar o caos circulatorio na Rolda pero non cambiar hábitos”, afirma Olga Louzao, que considera necesario “adoptar medidas que reduzan o uso do coche no centro e dar alternativas aos condutores que teñen que usar o seu vehículo privado para que tomen outros itinerarios nos seus desprazamentos que eviten o paso pola Rolda da Muralla”.

Cidadáns é partidario de actuar “con valentía” sobre esta infraestrutura co obxectivo de que deixe de ser “a rotonda máis grande de Europa” e se converta “nun verdadeiro espazo para os peóns, as bicicletas e o transporte público, como se merece o entorno dun monumento Patrimonio da Humanidade”. Para iso proponlle á alcaldesa Lara Méndez “que non quede na foto dos sinais 30 e siga dando pasos”.

Crear un carril “bici”

A edil propón “liberar un carril de circulación da rolda, e deste xeito ampliar as beirarrúas, actualmente moi estreitas, para gañar espazo para os peóns e habilitar un carril bici específico para ciclistas. Tamén propoñen un servizo de buses eléctricos arredor da muralla “que faría as funcións de intercambiador para o resto de liñas.

Olga Louzao lembra que o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo no ano 2009 a Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona xa apostaba por esta solución e afirma que “a remodelación do bus urbano que ten que poñerse en marcha nos vindeiros meses segundo se recolle no contrato da actual concesión é a oportunidade para adoptar este novo modelo”.

PP

O PP acusa a alcaldesa de Lugo de poñer en práctica unha política de parches con actuacións improvisadas como a implantación hoxe da zona 30 na ronda da muralla. “Estamos ante unha solución illada e curta de miras que non resolve os problemas reais da mobilidade na cidade. Seguimos con caos no tráfico e no estacionamento, seguimos sen ter un transporte público atractivo e de calidade e sen contar cunha sinalización e mantemento de vías axeitados para mellorar a seguridade viaria”, reflexionou Ameijide.

Para o vicevoceiro popular Antonio Ameijide “esta forma de actuar pon en evidencia a nula capacidade de xestión dos socialistas en materia de tráfico no que leva de mandato”. “Estamos diante doutra cortina de fume para tapar as súas vergoñas e a súa ineficacia”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com