CIG-Saúde considera “insultantes” os datos de participación na folga do 17N difundidos polo SERGAS

A CIG-Saúde da Mariña cifra nun 80% a participación do persoal da sanidade da comarca na folga do mércores 17 e cualifica de insultante a cifra de participación difundida polo SERGAS. A central considera que os datos feitos públicos pola Consellería están “totalmente pervertidos e falseados, nada teñen que ver coa realidade e van contra a dignidade de todas e todos os traballadores da sanidade da comarca que o pasado mércores secundaron e participaron na folga xeral convocada na Mariña”.

Neste senso, a CIG-Saúde denuncia unha vez máis que os servizos mínimos decretados polo SERGAS foron “totalmente abusivos”, ao decretar unha actividade superior á que se presta calquera domingo ou  festivo. “Os mínimos teñen que ser aqueles que garanten a atención urxente, pero nesta folga vimos como o SERGAS impuña mínimos a profesionais do hospital que traballan nas consultas externas, no servizo de rehabilitación, en hospital a domicilio, no hospital de día, nas áreas administrativas, así como en tódolos servizos que nun domingo ou festivo permanecen pechados”.

“E atopámonos con que nas plantas, na cociña ou en urxencias hospitalarias todo o cadro de persoal estaba obrigado a traballar pola imposición do SERGAS”, denuncia o sindicato. Do mesmo xeito, din, a administración decretaba servizos mínimos nos centros de saúde ata ás odontólogas, impedindo a participación da inmensa maioría dos profesionais na folga, “co ánimo de dar unha imaxe falseada de contento e de satisfacción do persoal da sanidade da comarca”.

Con todo isto e a pesar dos esforzos do SERGAS para que todo transcorrese con normalidade, moitos profesionais que non asinaran mínimos de tódalas categorías e tanto do hospital como dos centros de saúde, non acudiron a traballar e “no hospital houbo que suspender actividades nas consultas, en hospital a domicilio, en fisioterapia e na área cirúrxica”.

“Tamén fomos testemuñas de que a inmensa maioría de profesionais nomeados/as como servizos mínimos portaban no seu uniforme un adhesivo coa consigna ESTOU EN FOLGA mentres, nos centros de saúde, moitos dos profesionais obrigados a ir traballar só atendían urxencias.

Esta resposta do persoal contrasta cos datos de participación facilitados polo SERGAS que “buscan rebaixar o seguimento da folga e dar imaxe de normalidade”, en opinión da CIG-Saúde. Pero os traballadores e as traballadoras da sanidade da Mariña “atópanse fartos e fartas do trato recibido polos seus dirixentes e o SERGAS, con esta actitude, só provoca o crecemento da súa fartuta”.

Por iso, CIG-Saúde reclámalle ao Goberno galego “menos propaganda, menos apoios hipócritas ás reivindicacións da comarca e máis recursos e autonomía para garantir condicións de traballo dignas e unha sanidade pública universal e de proximidade para todos os mariñás e as mariñás. Mais para iso é preciso que se cumpra cunha das demandas desta folga comarcal: que a Mariña recupere a súa área sanitaria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com