Cinco cidades romanas crean unha alianza para a promoción conxunta do turismo

A Alcaldesa de Lugo promove xunto a outras cinco cidades españolas a Rede Hispania Romana, unha alianza que nace co obxectivo de que os municipios con pasado romano traballen conxuntamente no impulso de destinos turísticos cunha oferta cultural baseada nese patrimonio.

A sinatura da acta fundacional organizouse na Feira Internacional de Turismo (Fitur), “como primeiro paso para axuntar esforzos entre administracións e contribuír a unha xestión máis sostible dos recursos”, explicou a rexedora de Lugo. Nela participaron os concellos de Mérida, Málaga, Cartaxena, Segovia e Alcalá de Henares, cidades que acollen grandes símbolos da presenza romana en España como a Muralla romana de Lugo, o acueduto de Segovia, o Museo Nacional de Arte romano de Mérida, o anfiteatro de Cartaxena, a cidade romana de Complutum ou os vestixios malagueños.

Nesta rede, que axiña poderá ampliarse xa que existen máis municipios que amosaron o seu interese por participar, “Lugo xoga un importante papel como a cidade romana máis antiga de Galicia e unha das principais do noroeste peninsular, que posúe unha riqueza enorme que queremos que sexa un polo de atracción dun turismo cultural de calidade, orientado tamén a unha oferta desestacionalizada”, sostivo a alcaldesa.

O grupo fundacional comezará xa a traballar nun plan de acción coa finalidade de mellorar a oferta cultural, aumentar a promoción dos destinos no ámbito nacional e internacional, desenvolver novos produtos e captar novos mercados. Entre as liñas nas que se incidirá será a creación dun itinerario cultural sobre as vías romanas, accións de divulgación adaptadas ás novas tecnoloxías e máis acordes coas novas necesidades dos viaxeiros, a realización de exposicións itinerantes ou a formación de todos os axentes de valor.

“A colaboración respectuosa entre Administracións e con entidades sociais e empresariais é sempre unha chave para o éxito, pero neste intre é ademais fundamental para poder captar novos recursos europeos para transformar e impulsar proxectos tamén no campo do turismo”, incidiu a alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com