Cinco novas xornadas de formación gratuítas facilitarán a busca de emprego en Lugo

O Concello de Lugo organizou para o mes de xuño cinco novas xornadas gratuítas de formación e prácticas co fin de facilitar aos desempregados e desempregadas lucenses a busca dun posto de traballo. Esta nova iniciativa, que impulsa a Concellaría de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, dirixida por Ana Prieto, no marco da VI Semana Europea do Emprego, responde ao compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e creación de emprego.

Ana Prieto adiantou que aínda non sendo unha competencia municipal, senón do Estado e da Xunta, “sabemos que é un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden, polo que, dentro das nosas posibilidades, impulsamos iniciativas que abran novas portas á inserción, ben a través da formación, como é o caso destes obradoiros, ou ben con plans de emprego ou con programas para fomentar o emprendemento como os que temos en marcha a día de hoxe”.

Os obradoiros para a busca de emprego e as datas nas que se impartirán, no horario de 10:00 a 13:00 horas, son os seguintes:

– Como realizar un currículo atractivo. Día 12 de xuño.

– Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais. Día 13.

– Probas para a selección de postos de traballo. Día 14.

– A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa. Día 15.

– Como realizar con éxito unha entrevista de traballo. Día 16.

As prazas son limitadas, polo que os interesados deberán anotarse canto antes. O prazo de inscrición está aberto dende mañá e ata o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude –que se pode descargar na web do Concello (www.lugo.gal)- a espazolab@concellodelugo.org ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo. Máis información, nos números de teléfono 982.297.361 ou 982.297.473, así como no 010.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com