" />

Comunicado da Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo

Desde a Rede para o Decrecemento queremos facer público as seguintes consideracións:
1o.-Consideramos que a actual crise mundial pola pandemia do COVID-19 non nos colle por sorpresa xa que o movemento Decrecentista mundial leva anos advertindo das nefastas consecuencias que podía traer para a humanidade sobrepasar os límites físicos e medio-ambientais do planeta entre as que se atopan as pandemias e epidemias. Esta nefasta posibilidade estaba dentro das alertas que recolleron durante anos o panel de expertas do IPCC para o cambio climático.
2o.-Consideramos que superar a capacidade de carga do planeta, non tanto polo número de persoas que o habitamos, como polo modo de vida (pegada ecolóxica) fai que este perda o seu equilibro natural a nivel planetario e busque un novo equilibrio mediante mecanismos naturais. Todas as especies que medran de xeito exponencial nun ecosistema pechado chegando a romper o equilibrio tende a contraer enfermidades que se propagan a gran velocidade. Esta propagación de enfermidades busca reaxustar ou eliminar o causante do
desequilibrio tal e como prevé a Teoría Xeral dos Sistemas.
3o.-Consideramos que a enfermidade do COVID 19 se converteu nunha pandemia debido a que
os gobernos mundiais primaron a visión da economía global sobre os coidados e o mantemento da vida. O actual coronavirus que provoca o COVID19 nace como unha enfermidade rexional e é convertida, en pandemia (mundial ) por causa da globalización. O virus do COVID 19 espallouse por todo o planeta usando como medio de transporte as persoas que seguiron a facer viaxes internacionais sen ningún tipo de restrición. A día de hoxe o espazo
aéreo do estado segue sen estar pechado. Froito tamén da globalización e do movemento de mercadorías ao redor do mundo son as pragas e doenzas que se moven dos seus territorios orixinarios a outros onde causan devastación, como é o caso da véspera velutina ou a couza da pataca.
4o.-Consideramos que o confinamento forzado de millóns de persoas por todo o planeta é produto da ineptitude dos políticos e da súa debilidade ante o poder económico mundial polo que as medidas que se poidan tomar , ante calquera catástrofe climática ou sanitaria, chegan tarde , mal e priman intereses contrarios ao benestar das persoas. Isto é o que está sucedendo
diante do cambio climático.
5o.-Consideramos que a actual situación mundial de paro de determinadas actividades
comerciais e industriais está sendo un pequeno respiro para a natureza pero que esta situación nada ten que ver cunha visión Decrecentista das sociedades. En primeiro lugar porque non se produce de forma voluntaria e aceitada pola poboación. En segundo lugar porque o confinamento destrúe a pedra angular na que se apoia o Decrecemento que é a convivencia grupal, o que dificulta o colectivo e a axuda mutua, e en terceiro lugar porque esta situación de
confinamento está sendo aproveitada para o reforzamento da economía global baseada nas grandes empresas e multinacionais que non se ven forzadas a pechar a súa actividade aínda que non sexa fundamental para a vida facendo uso da ameaza do despido e da militarización da sociedade. Outro exemplo é o peche das feiras e os mercados locais (incluídos os desenvoltos ao aire libre) para a venda de alimentos.
6o.- Nun momento tan crucial coma este, no que tantas cousas están en suspenso, instamos á sociedade no seu conxunto, tanto desde o plano individual como colectivo e institucional, e nomeadamente aos partidos políticos que se din de esquerda, a que abran unha profunda reflexión sobre o rumbo que convén tomar como sociedade, entendendo que a pandemia
actual debería funcionar como un punto de inflexión e un ultimato ao sistema económico capitalista depredador e que debería supoñer unha nova concepción da política, das relacións globais norte-sur, da economía, da sociedade, da cultura, da sanidade, … baseando este novo camiño nos principios do DECRECEMENTO. Este pode ser un momento propicio para abrir esta
reflexión, pois é nos momentos críticos coma este cando entendemos cales son as cousas verdadeiramente importantes que temos que salvar como sociedade nun escenario de crise e de escaseza de recursos, ou mesmo de colapso como pode suceder de non sermos capaces de conter o cambio climático. Sabemos que , de seguir polo mesmo camiño, a non tardar repetiranse escenarios coma o que estamos a vivir, xa sexa por unha pandemia, por caos climático, por escaseza e guerra de recursos, migracións masivas por fame, etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo