“Con Lupa” organiza unha charla para falar do prezo da luz

A Asociación Cidadá Contra a Letra Pequena “Con Lupa” vai celebrar un acto público este xoves, 23 de febreiro, ás 8 da tarde, no Salón de Actos de Sindicatos, no que se abordara o prezo da luz, os cortes de subministro e se presentará a Cooperativa Galega “Nosa Enexia”, que comercializa enerxía eléctrica de orixe renovable.

Nos últimos 10 anos, o custe do recibo da luz subiu máis do 70 %. Cada fogar pagou de media no ano 2016 uns 400 euros máis que no 2006. Mentres, para facer fronte a ese gasto, a renda media por familia reduciuse nesa década máis dun 10 %.

Pero o prezo da luz aínda é máis abusivo e inxusto no noso País, pois a pesar de ser excedentarios e exportar entre o 30 e o 40 % da electricidade que producimos, tendo que asumir os custes ambientais e sociais de producila, temos que compartir os gastos do seu transporte a outras partes do Estado e, por riba, pagar o mesmo prezo polo kw de luz que consumimos. Madrid, por exemplo, consume un 16 % da electricidade e non produce ningunha. A calidade do subministro eléctrico que prestan as empresas distribuidoras, a pesar de ter o País inzado de encoros, mini-centrais e parques eólicos…, tamén é máis deficiente que no resto do Estado. No ano 2016, os clientes de Madrid sufriron só unha interrupción do subministro de 13 minutos, mentres que a media en Galiza foi de 74 minutos.

“Xa neste ano 2017, miles de fogares galegos sufriron preto de 100 horas de cortes de luz, que tiveron moito que ver coas deficiencias da infraestrutura da rede eléctrica, co abandono dos labores básicos e continuados de mantemento das liñas eléctricas que operan en Galiza, causando importantes perdas, tanto no ámbito público como privado. Con Lupa denuncia a continuada suba do recibo da luz e convida a demandar da Administración e das empresas subministradoras, medidas para mellorar a calidade do servizo e a reducir o prezo da tarifa eléctrica para todos os galegos e galegas”.

Tamén, como parte fundamental desta charla, convidamos aos responsábeis de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega a expoñer o alcance e contido da súa iniciativa, que segundo recolle na súa páxina web:

“Nosa Enerxía nace como a primeira cooperativa galega que ten por obxecto a comercialización de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, apostando pola sustentabilidade enerxética e por unha xestión transparente. A longo prazo, a cooperativa tamén ten como obxectivo a promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable de xeito distribuído, como outro dos pasos para acadar un modelo enerxético 100% renovable. O noso funcionamento está baseado no modelo cooperativo, isto significa que somos unha organización participativa, aberta e xestionada de xeito democrático, onde todas as persoas cooperan para evolucionar cara a unha sociedade máis equitativa e sustentable”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com