" />

Concello e Confederación Hidrográfica desbloquean o Plan Paradai

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga, asinaban esta mañá o convenio do Plan Paradai.

Un documento que recolle as actuacións necesarias para – segundo sinalou a rexedora – “seguir avanzando no desenvolvemento dos barrios das Gándaras e Paradai, 21 anos despois de comprometer coa Xunta de Galicia a súa unión”.

Lara Méndez explicou que o acordo terá por obxecto a execución dos estudos, proxectos e obras que permitan reducir o risco de inundación durante as crecidas producidas polo río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira.

A alcaldesa lembrou que as actuacións que recolle abranguen a redacción dun proxecto que permita mellorar a capacidade de desaugadoiro do tramo fluvial canalizado nese enclave concreto, intervindo sobre a sección canalizada do treito sito augas arriba do caixón de formigón que discorre soterrado, para aumentar a súa capacidade o que obriga a modificar a xeometría actualmente existente.

No proxecto estudarase, así mesmo, a conveniencia de actuar da mesma maneira no tramo de río canalizado augas abaixo da glorieta.

O investimento total para a execución das obras estímase en 650.000 euros, dos que a CHMS achegará 487.500 €, o que supón unha porcentaxe do 75%, e o Concello de Lugo aportará o 25% restante (162.500 €).

A Confederación Hidrográfica afrontará, con eses cartos, o custo de execución dos traballos, dirección e vixilancia dos mesmos, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde estimados, e unha vez finalizadas e recibidas as obras trasladarase comunicación ao Concello. Correspóndenlle, tamén, á Confederación licitar, adxudicar e xestionar os contratos precisos, así como as demais actuacións necesarias para executar o convenio ata a súa terminación definitiva.

Pola súa banda, será responsabilidade municipal o mantemento e conservación das obras obxecto do acordo – segundo a repartición competencial sobre o dominio público que a lexislación de augas establece – e a aprobación do proxecto construtivo, redactado pola Confederación, de forma que substitúa ao outorgamento da licenza municipal, no caso de que esta resultase necesaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo