O Concello mellorará a mobilidade na Ronda da Muralla e Carril dos Fornos

O Concello de Lugo iniciará mañá dúas novas actuacións de mellora da accesibilidade e a mobilidade no casco histórico: a substitución do adoquín da beirarrúa da Ronda da Muralla, no tramo que discorre entre a rúa Montero Ríos e a Porta da Estación, por baldosas de granito, e a pavimentación con granito dunha pequena parte do Carril dos Fornos que está en terra, fronte a unhas vivendas, en concreto, a que se atopa fóra da delimitación das unidades de actuación UI-6 e UI-7, pois neste caso serán urbanizadas cando estas se desenvolvan. O prazo de execución é dun mes.

As obras, cun investimento de 60.000€, custéanse con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico destinados a melloras de espazos públicos. De feito, o proxecto, tras ser aprobado pola Xunta de Goberno foi remitido ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a súa autorización. Para acometer estes traballos, desde aproximadamente as 08:00 horas de mañá martes e ata o 14 de marzo, procederase ao corte do tráfico rodado e peonil polo carril interior da ronda e a beirarrúa da mesmo marxe. A empresa encargada das obras instalará sinalización circunstancial e dispoñerá de operarios para a sinalización por toda a obra, en concordancia co plan de mobilidade deseñado polo Gabinete de Tráfico da Policía Local, que, dada a posibilidade de retencións de tráfico en  momentos puntuais debido ás obras, recomenda usar outras rutas de desprazamento alternativas.

Por outra banda, o Concello prevé que comecen tamén esta semana as obras de pavimentación e dotación de servizos nas rúas do Freixo e da Xesta, financiadas a través do Plan Único da Deputación. O proxecto foi adxudicado en preto de 86.000€ e contempla a reposición do firme e a substitución das redes de abastecemento e saneamento.

Ao abeiro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos impulsado pola Deputación, o municipio conta con 533.200€ para a mellora e ampliación de servizos nunha ducia de espazos públicos da cidade e o rural. Ademais das obras das rúas do Freixo e da Xesta, levarase a cabo a pavimentación das rúas Filgueiro, Mestre Méndez, Da Silva, Mazaira, Das Pías e un tramo da rúa Casas Vellas, todas no barrio de Abella; a pavimentación e servizos en rúa Fonmiñá e Piñeiral, nas Gándaras; a pavimentación e servizos en rúa Flor de Lis, en Abella; e a pavimentación e ampliación da rede de abastecemento na urbanización Bellavista, na parroquia de Esperante.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com