Condenado a doce anos de cárcere un acusado de abusar da filla da súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a doce anos de prisión a un sospeitoso de abusar da filla menor de idade da súa parella. O tribunal considérao autor dun delito continuado de abuso sexual con acceso carnal sobre unha menor de idade con prevalemento de superioridade. Asemade, impúxolle dez anos de liberdade vixiada e unha orde de afastamento durante vinte anos, ademais da respectiva indemnización económica.

Os maxistrados consideran acreditado que o sospeitoso cometía os abusos no domicilio familiar, dende que a cativa tiña once anos, cando quedaba ao coidado da vítima e dos seus dous irmáns, xa que a súa nai adoitaba chegar a casa pasada a medianoite debido ao seu traballo. Os xuíces entenden na resolución que a presunción de inocencia queda “destruída” porque “non existe ningún elemento que autorice a dubidar” de que os feitos ocorreron segundo se declaran probado, en especial, “o testemuño da menor, que pola natureza dos feitos axuizados é a proba esencial, aínda que non única, para acreditalos”.

O tribunal salienta que a versión da vítima “reúne os requisitos esixidos xurisprudencialmente para dotala de valor probatorio”. A Audiencia conclúe que o acusado, “con ánimo de satisfacer os seus apetitos sexuais, en numerosas ocasións realizou actos de carácter sexual sobre a menor, en cuxa cama se metía cando non estaba a súa nai”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com