O Concello de Lugo reforzará este ano os servizos asociados ao San Froilán coa incorporación, por primeira vez, de catro módulos de aseos atendidos e gratuítos e coa ampliación do dispositivo do Punto Violeta. As medidas buscan mellorar a atención ás persoas asistentes durante as xornadas de maior actividade das festas.
O Punto Violeta amplía o seu dispositivo
O punto fixo estará situado na Praza Fernando de Casa Novoa, ao fondo da Praza Maior, e contará permanentemente cun mínimo de dous profesionais especializados, entre eles persoal de psicoloxía e traballo social. O obxectivo é ofrecer información e atención ante posibles agresións sexistas, garantindo a intimidade, protección e confidencialidade das persoas atendidas.
Ao dispositivo sumarase un equipo itinerante, debidamente identificado, que percorrerá os espazos onde se desenvolvan as festas e as zonas de ocio nocturno para achegar o servizo ás persoas que poidan necesitalo.
O Punto Violeta estará operativo os días 4, 9, 10 e 11 de outubro, de 21:00 a 04:00 horas, e o 5 de outubro, de 21:00 a 03:00 horas.
Deste xeito, o Concello incorpora ao dispositivo do San Froilán novos servizos sanitarios de maior capacidade e reforza os recursos de atención e prevención durante as noites de maior afluencia.
Os novos módulos sanitarios ofrecerán máis espazo e prestacións que as cabinas convencionais. Contarán con zonas diferenciadas para homes e mulleres e aseos adaptados para persoas con diversidade funcional. Dous deles incorporarán tamén cambiabebés e quentabiberóns. Durante o seu funcionamento estarán atendidos por persoal encargado da limpeza e desinfección.
Un dos módulos instalarase en García Portela, preto da noria, mentres que outro estará na contorna da Praza Horta do Seminario. O terceiro situarase inicialmente no segundo bancal das Costas do Parque, na zona do Pavillón Municipal de Deportes, aínda que o 12 de outubro será trasladado a San Fiz para dar servizo durante a verbena. Nesa mesma xornada instalarase un cuarto módulo específico na zona das orquestras.
Os horarios adaptaranse ao calendario das festas. Os días 4, 9, 10 e 11 de outubro os módulos estarán operativos de 12:00 a 01:00 horas; os días 5 e 12, de 12:00 a 23:00 horas, e os días 6, 7 e 8, de 17:00 a 23:00 horas. O módulo de San Fiz funcionará o día 12 de outubro entre as 19:00 e as 24:00 horas.
32 cabinas convencionais
O dispositivo completarase con 32 cabinas sanitarias convencionais, distribuídas polo recinto feiral e polos diferentes espazos nos que se celebrarán concertos e actividades.
No recinto feiral colocaranse 18 cabinas, repartidas entre Rodríguez Mourelo, Puro Cora, o parque Rosalía de Castro, Vila de Foz, a lonxa do Pavillón e Camiño das Costas. Algunhas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
As 14 cabinas restantes instalaranse en puntos como a Praza Horta do Seminario, o patio do Edificio Administrativo do Concello, as prazas de Santa María, Santo Domingo e da Soidade, e a rúa Luis Peña Novo.






